Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CIRCUÍTO QUE PROMOVEN A AGADIC E A ASOCIACIÓN CLUBTURA AMPLÍA O SEU CALENDARIO OFRECENDO ACTUACIÓNS ESTIVAIS POR PRIMEIRA VEZ DENDE A SÚA CREACIÓN EN 2007

Doce concertos en nove salas configuran a primeira programación de agosto da Rede de Música ao Vivo

[02/08/2010] O concerto que a banda galega de rock Sugar Mountain (na imaxe) protagonizará o vindeiro mércores día 4 na sala Marrucho de Baiona abrirá a programación de agosto da Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV), que ofrecerá un total de 12 actuacións en nove espazos de diferentes localidades. Por primeira vez dende a súa creación en 2007, o circuíto que promove a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura e Turismo en colaboración coa Asociación de Salas de Música ao Vivo Clubtura estende o seu calendario de concertos ao período estival coa celebración de 31 citas musicais durante os meses de xullo e agosto en 17 salas de toda Galicia e a cargo de 25 solistas e grupos de moi diferentes estilos.

Sugar Mountain

Así, xunto co son americano de Sugar Mountain, na carteleira de agosto da RGMV tamén hai sitio para a canción de autor de José Córdoba (día 5 na Sala Ache de Marín), o pop de Misquious (día 8 no Bâbâ Bar da Coruña), Nadadora (día 14 no Café-Cultural Roi Xordo de Allariz) e Por Placer (día 28 no Clandestino de Nigrán), o jazz de Aló Django (día 8 no Náutico do Grove) e Miñor Swing (día 11 na sala Marrucho), o funk brasileiro de Gustavo Almeida & Brasilian Night (día 10 en El Otro Caimán de Monforte), o rock de Miguel Costas (día 14 no Náutico) e 7 Puertas (día 20 no Pub O Muíño de Cervo) e as propostas festeiras da Tuna Rastafari e Fabulosos Cubatas de Fockink Brothers (os días 12 e 27, respectivamente, no Catro Camiños da Rúa).

Agás nos casos do madrileño José Córdoba e do brasileiro Gustavo Almeida, a procedencia destas bandas e solistas é galega. Así sucede tamén no conxunto da oferta anual deste circuíto, onde máis do 90% dos nomes programados son galegos. Un total de 470 actuacións conforman a carteleira de 2010 da Rede Galega de Música ao Vivo, na que figuran 43 locais e 85 grupos e á que a Agadic achega un orzamento de máis de 208.000 euros.

Ligazóns