Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A AGADIC E O XACOBEO COLABORAN NESTE PROGRAMA DE DIFUSIÓN. O ESPECTÁCULO COMPLETO PODERÁ VERSE OS DÍAS 28 E 29 NO SALÓN TEATRO

O CCG inicia en Santiago o ciclo "Camiños en Danza" co que levará accións sobre "Etheria, a viaxe soñada" a 17 concellos

[26/07/2010] O Centro Coreográfico Galego (CCG) inicia en Santiago o ciclo "Camiños en danza", un novo programa de difusión da danza actual galega mediante a escenificación de accións e improvisacións coreográficas a partir do espectáculo Etheria, a viaxe soñada nun total de 17 concellos galegos. A Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e o Xacobeo 2010 colaboran nesta iniciativa que se desenvolverá ata setembro en emprazamentos ao aire libre e de tránsito público de localidades ubicadas nalgunha das rutas de peregrinación a Compostela.

Imaxe de ensaio de "Etheria..."

A Praza de Cervantes acolle hoxe, ás 13:00 horas e como primeiro destino deste proxecto, a actuación de 10 bailaríns e bailarinas que sairán ao paso dos viandantes cunha interpretación de 20 minutos de duración e música de percusión en directo. O CCG completará ademais a súa estadía na capital de Galicia con dúas funcións completas de Etheria, a viaxe soñada no Salón Teatro os días 28 e 29 de xullo ás 21:30 horas.

O ciclo "Camiños en danza" visitará durante o mes de agosto Muxía (día 3), Fisterra (día 5), Ribeira (día 9), Pobra do Caramiñal (día 10), Rianxo (día 12), Vilagarcía (día 14), O Grove (día 17), A Guarda (día 19), Baiona (día 21), Sobrado dos Monxes (día 24), Ribadeo (día 26), Arzúa (día 31). En setembro engadiranse os concellos de Portomarín (día 2), Sarria (día 4), Triacastela (día 7) e O Cebreiro (día 9).

Cuarta produción propia

Etheria, a viaxe soñada é a cuarta produción propia da unidade de danza pertencente á Consellería de Cultura e Turismo a través de Agadic. Dirixida pola coreógrafa coruñesa Mercedes Suárez, a peza amosa unha particular visión do mundo das peregrinacións a través da recreación da historia da muller que puido ser a primeira peregrina galega.

A montaxe combina a interpretación de 12 bailaríns e bailarinas de distintas procedencias xeográficas e disciplinas coas colaboracións artísticas de destacados profesionais galegos. Tal é o caso da música especialmente composta para a ocasión por Isaac Garabatos e executada en directo polos oito membros do grupo multiinstrumental ISGA Collective, a participación en escena da vocalista Rosa Cedrón como artista invitada, así como o traballo de Antonio F. Simón nos deseños de escenografía e iluminación ou de Marcos Garabán no de vestiario.

A produción parte, na súa xénese, dunha sólida base histórica, cargada de documentadas alusións a coñecidas figuras da antigüidade galega, o que non impide á súa directora e coreógrafa, Mercedes Suárez, introducir no seu desenvolvemento elementos anacrónicos, reivindicando así o espírito universal e atemporal das grandes viaxes ao longo da historia da humanidade e da mitoloxía. Todas estas viaxes teñen en común ser froito dunha chamada no interior das persoas, dunha necesidade espiritual que se satisface a través do avance nun camiño.

Así, Suárez é quen de deseñar unha peza audaz e dinámica pola súa capacidade de combinar, de xeito tan equilibrado como fluído, as representacións da historia milenaria con elementos da máis cotiá actualidade, a simboloxía clásica cos patróns máis contemporáneos.

Precisión e sentimento

A bailarina Irene Rubio interpreta por medio da danza todas as dimensións de Etheria: a súa crenza no movemento priscilianista, a súa procedencia nobre, o seu forte carácter e a súa instruída formación. Todo o corpo de baile (que completan Ariel Caramés, Miguel Ángel Ponte, Elena Chamorro, Fátima Fernández, Beatriz Garrido, Ástrid Molinero, Lucía Antonella Sampieri, Pablo Aradillas, Juan Miguel Hernández, Pastor Rodríguez e Carlos Ugarriza) leva a cabo unha actuación que une plasticidade, precisión e sentimento en secuencias coreográficas de gran forza, tanto nas escenas corais coma nos pas de deux que se executan.

A montaxe audiovisual que se proxecta no fondo dun escenario -que aparece practicamente limpo para a súa total entrega ao baile- contribúe de xeito decisivo á construción da paisaxe de imaxes e localizacións que evoca o argumento e que traslada o espectador ás distintas latitudes xeográficas que visita Etheria.

A acción sitúase na viaxe de volta de Oriente Medio a Gallaecia da protagonista. Etheria sinte o impulso interior de emprender unha viaxe ao exterior, empurrada pola súa ousadía e polas súas convicións na fe e nas máximas de Prisciliano, personaxe que se adiviña na trama. Á vez, Prisciliano protéxea no seu periplo das tentacións terreais, sempre personificadas na figura simbólica do sátiro, coa que se fai un aceno ás relacións humanas establecidas na peregrinación e que transcenden o seu espírito relixioso.

As entradas para asistir as representacións de Etheria, a viaxe soñada no Salón Teatro estarán á venda no despacho de billetes os días das funcións a partir das 19:30 horas. Tamén se poden adquirir xa por anticipado, telefonicamente a través do número do servizo de telentrada 902 43 44 43 ou da web caixagalicia.es.

Documentación