Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

COA OBRA 'BOAS NOITES'

Paula Carballeira gaña o Manuel María de Literatura Dramática Infantil

[24/10/2006] Paula Carballeira, coa obra Boas noites, é a primeira gañadora do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, segundo resolveu onte o xurado do galardón creado este ano polo IGAEM. O Manuel María foi convocado xunto ao XV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, que recaeu na peza Ocaso Otero, presentada por Claudia Grandal. Os galardoados recibirán unha dotación económica de 4.000 euros, no caso do Manuel María, e de 6.000 euros, no do Álvaro Cunqueiro, e ambas as obras serán publicadas.

Paula Carballeira

Lidos os 25 orixinais que optaban ao primeiro dos galardóns, o xurado –integrado por Laura Tato, profesora da Universidade da Coruña, como presidenta; e por Carlos Paulo Martínez Pereiro, tamén profesor da UDC; Dolores Vilavedra, profesora da Universidade de Santiago; Rubén Ruibal, gañador da anterior edición do Álvaro Cunqueiro; e Gloria Sánchez, autora especializada en literatura infantil, como vogais– adoptou por maioría a decisión de declarar a devandita obra, presentada baixo o lema Boas noites. Maimara, gañadora desta primeira edición do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil.

O xurado destacou de Boas noites a axilidade dos seus diálogos, así como a orixinalidade na elección do tema sobre o que se desenvolve a trama, o estrés infantil, como argumento contemporáneo que Paula Carballeira (na imaxe, durante unha das representacións de A cabana de Babaiagá do CDG) aborda seguindo a tradición fantástica.

A 'BELLA OTERO' COMO PROTAGONISTA

Canto ao XV Premio Álvaro Cunqueiro, resolto tamén por maioría, a gañadora é a obra Ocaso Otero, presentada baixo o lema AGLAV por Claudia Grandal. Inspirada na vida de Carolina Otero, "La Bella Otero", a peza propón unha volta "imposible" da protagonista ás súas orixes.

O xurado salienta deste texto a súa axilidade e economía teatral, xa que propón un xogo con tres actores para numerosos personaxes, ademais da boa resolución dramática dunha historia complexa e con apuntamentos metateatrais. A obra resultou elixida de entre un total de 24 títulos candidatos.

PAULA CARBALLEIRA

Paula Carballeira (Fene, 1972) dedícase profesionalmente ao teatro e á narración oral dende o ano 1994 e é autora de varios títulos de literatura infantil e xuvenil: A percura (Edicións do Cumio, 1990), Robin e a boa xente (EDB-Rodeira, 1993), Troulas, andainas, solpores e unha farsa anónima (EDB-Rodeira, 1996), Olo-iepu-iepu (Galaxia, 1999), Un porco e unha vaca xa fan zoolóxico (Xerais, 1999), Mateo (Kalandraka, 1999), Paco (Kalandraka, 2000), Correo urxente (EDB-Rodeira, 2002), O ganso pardo (Edelvives, 2002), A era de Lázaro (Galaxia, 2004), Contatrás (Edicións Positivas, 2006) e Smara (Kalandraka, 2006).

Membro da compañía Berrobambán dende 1996, coa que coordinou a programación infantil Asteroide B-612 en Santiago e en Ferrol, participou como convidada en destacados festivais de narración oral, tanto a nivel estatal como internacional, ademais de traballar como actriz e contadora de contos en diferentes series e espazos da TVG (Apaga a luz, A noite en branco, Pequeno Hotel, O rei da comedia, Rías Baixas, Máxima audiencia, Contando estrelas e, na actualidade, Libro de familia e Pepe O Inglés) e como colaboradora nos programas da Radio Galega Xamón, xamón e A taberna da Galega. Ademais, Paula Carballeira, vén de rematar a súa xira co espectáculo do Centro Dramático Galego A cabana de Babaiagá, do que foi directora e intérprete.