Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A ENTIDADE DA CONSELLERÍA DE CULTURA SUBVENCIONA CON 690.000 EUROS A REALIZACIÓN DE 11 MONTAXES DE TEATRO DE ACTOR, 8 DE MONICREQUES, 2 DE DANZA E 2 DE NOVO CIRCO

O sector escénico galego producirá 23 novos espectáculos co apoio económico da Agadic

[13/07/2010] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo apoiará cun total de 692.052 euros a realización de 23 novos espectáculos de teatro e danza, a cargo doutras tantas compañías galegas adxudicatarias das subvencións ás industrias culturais 2010 nas modalidades de produción escénica. Dentro deste programa xeral de axudas, aprobouse así mesmo a concesión doutros 954.950 euros a través do resto das modalidades convocadas (continuidade da actividade, compañías residentes, programa "Crédito-Cultura", distribución, salas e asociacionismo profesional), de xeito que o apoio económico ao sector escénico galego ascende a 1.647.002 euros.

Canto a xéneros escénicos, destes 23 espectáculos que poderán verse nas carteleiras galegas ao longo da próxima temporada, 11 corresponden a teatro de actor (Na meta (Sálvese quen poida), de Ónfalo Teatro; Estrelados, de La Quintana Teatro; Memorias dun neno labrego, de Abrapalabra; Casting (A comedia), de Lagarta Lagarta; Homes… mulleres, de Ningures Producións; Un cranio furado, de PT Excéntricas; Historias peregrinas, de Teatro do Noroeste; Volpone, de Talía Teatro; La maleza, de Teatro Ensalle; Pisados, botamán de Melide, o home que falaba cos zapatos, de Ancora Produccións e Ruído branco, de Nut Teatro), oito a teatro de monicreques ou de obxectos (Meu amigo imaxinario, de Galitoon; O rei destronado, de A Xanela do Maxín; O asombro, de Fantoches Baj; Polichinela, titor de pierrot, de Gururú Producións; Alicia no país das marabillas, de Títeres Cachirulo; Mensaxe sen botella, de Caramuxo Teatro; Trogloditas, de Tanxarina e Andainas dun monicreque, de os Monicreques de Kukas), dous a danza (Kamouraska, de Marta Pérez Alonso e Tulipanes, de DLoira) e outros dous a novo circo (Habitat, de Pistacatro e Encontros, de Alfredo Pérez Muíño).

Formatos

Da contía total outorgada a estas propostas e atendendo ás categorías baixo as que foron presentadas, 215.351 euros destínanse a catro espectáculos de mediano formato; 147.024 euros, a dous de gran formato; 125.968 euros, a cinco espectáculos de pequeno formato; 105.430 euros, a seis proxectos de novas tendencias e os 98.277 euros restantes, a seis propostas presentadas por compañías de nova creación.

Ademais, a Agadic apoiará tanto a continuidade doutras 16 compañías galegas, que recibirán un total de 353.278 euros para manter en escena espectáculos xa producidos na anterior temporada, como a actividade de tres das empresas que o ano pasado resultaron beneficiarias das primeiras axudas específicas para compañías residentes. Nesta ocasión, compartirán un orzamento de 240.000 euros destinado a favorecer a súa estabilidade como formacións vinculadas a espazos escénicos concretos.

Polo que respecta ao apartado de distribución, e á espera de que a finais de outubro remate o prazo de presentación de solicitudes en dúas das tres categorías aquí inseridas, 147.392 euros destínanse a apoiar unha maior presenza da nosa escena fóra de Galicia, de xeito que a través destas axudas favorécense 35 iniciativas de exhibición de espectáculos galegos de teatro e danza en diferentes escenarios españois (Asturias, Andalucía, Aragón, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña, Comunidade Valenciana, Euskadi, Madrid e Murcia) e internacionais (Arxentina, Francia e Portugal), así como as funcións exteriores de nove compañías galegas contratadas durante a celebración da pasada edición da Feira Galega das Artes Escénicas ou a representación galega na pasada edición do Festival Emergentes de Santander a través da compañía Teatro Ensalle.

Salas

O sector escénico ten tamén unha destacada presenza noutras das modalidades contempladas no programa de subvencións ás industrias culturais 2010. É o caso das axudas ás salas de teatro e artes escénicas de titularidade privada, das que se beneficiarán un total de cinco espazos (Teatro del Andamio da Coruña, salas Nasa e Santart de Santiago, e Teatro Arte Livre e Teatro Ensalle de Vigo) por un importe total de 160.000 euros.

Por último, as asociacións Escena Galega, Danesga (Danza Escénica Galega) e Asociación de Actores e Actrices de Galicia recibirán un total de 47.191 euros en concepto de axudas ao asociacionismo profesional, mentres que as produtoras teatrais Galitoon, Talía e Bengala son tres das empresas favorecidas co programa "Crédito-Cultura" por un importe global de 7.088 euros.

Ligazóns