[28/06/2010] A programación de Circo Europa-I Encontro Jeunes Talents Cirque Europe finaliza mañá martes 29 coa celebración da Circo Europa Party, unha gran festa do circo que, coordinada pola asociación Pistacinco, terá lugar no Salón Teatro de Santiago a partir das 21.30 horas. Nela participarán unha trintena de artistas locais e parte dos creadores europeos convidados ao encontro, entre eles os integrantes de Duelirium e Circo Expreso, as dúas formacións galegas clasificadas respectivamente entre as finalistas e vencedoras do programa JTCE 2009-2010.
A gala será conducida polos artistas galegos Antón Coucheiro, Arturo Cobas, Jano, Manuel Lago, Pablo Reboleiro e contará coa participación de Aitor Garuz, Alfonso Medina, Julia Vén, Borja Fernández, Raquel Veganzones e Girisho Gordon de Circo Expreso, Milan Manic de Cirkusfera, Raquel Oitavén y Merce Sóle de Duelirium, Natalia Outeiro "Pajarito", Antonia Kuzmanić de Positive force, Mathieu Imbert de Tricol Company e o dúo Lusco e Fusco.
Durante a xornada de hoxe, todos eles están a traballar no espazo escénico compostelán para ensamblar os números de circo da festa arredor dunha temática clara: Compostela como punto de encontro europeo.
Trece xornadas de actividade
Esta primeira edición do evento, que organiza o Centro Dramático Galego como entidade asociada á iniciativa Novos Talentos do Circo Europeo (Jeunes Talents Cirque Europe-JTCE), chega ao seu fin despois de trece días de intensas xornadas de adestramento, ensaio e intercambio de experiencias baixo a coordinación da coreógrafa francesa Fatou Traouré e do autor, director e intérprete Jean-Michel Guy, presidente do xurado de Jeunes Talents Cirque Europe. Os 19 novos creadores participantes nestas sesións formativas tiveron ademais a oportunidade de profundar nos seus proxectos individuais.
Ademais, este programa formativo complementouse coa exhibición dos espectáculos Rúa Aire, da compañía galega O Retrete de Dorian Gray, e Mi otro yo, da formación hispano-belga Doble Mandoble, así como con dous debates abertos tanto ao resto de artistas interesados —calquera que sexa a súa disciplina— como ao público xeral.
As entradas para asistir á I Circo Europa Party poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, que permanecerá aberto o día de función a partir das 19.30 h. Tamén poden adquirirse por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xove e desempregados).