Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

OS XEMELGOS LUIS JAVIER E MIGUEL ANGEL CÓRDOBA PELEGRÍN PORÁN EN ESCENA ESTA MONTAXE XESTUAL MAÑÁ SÁBADO E O DOMINGO 27 ÁS 21.30 HORAS

Circo Europa continúa esta fin de semana no Salón Teatro co espectáculo "Mi otro yo" de Doble Mandoble

[25/06/2010] A programación de Circo Europa-I Encontro Jeunes Talents Cirque Europe continúa esta fin de semana no Salón Teatro de Santiago co espectáculo Mi otro yo, da recoñecida formación hispano-belga Doble Mandoble. Maxia, acrobacia e teatro xestual mestúranse nesta montaxe que os xemelgos Luis Javier e Miguel Angel Córdoba Pelegrín porán en escena o sábado 26 e o domingo 27 ás 21.30 horas. Esta primeira edición do evento, que organiza o Centro Dramático Galego como entidade asociada á iniciativa Novos Talentos do Circo Europeo (Jeunes Talents Cirque Europe-JTCE), estenderase ata o vindeiro martes 29 coa celebración da I Circo Europa Party que coordinará a asociación Pistacinco.

Mi otro yo

De xeito paralelo á exhibición de espectáculos, aberta ao público xeral, un total de 19 novos creadores procedentes de 12 países europeos participan dende o pasado día 17 no programa formativo de Circo Europa baixo a dirección da coreógrafa francesa Fatou Traouré e do autor, director e intérprete Jean-Michel Guy, presidente do xurado de Jeunes Talents Cirque Europe. Estas sesións finalizarán mañá sábado, xornada durante a que asistirán a un obradoiro de danza butoh coa coreógrafa coruñesa Bárbara Monteagudo e afondarán na análise de proxectos artísticos con Jean-Michel Guy.

Potencia visual

Con Mi otro yo, a compañía Doble Mandoble crea unha nova maneira de abordar a maxia, fusionándoa co circo e a manipulación de obxectos. Reúne todo nun só espectáculo, engadíndolle unha posta en escena teatral e burlesca. Deste xeito, máis ca unha demostración de efectos de maxia, trátase de pór estes efectos ao servizo dun espectáculo sen texto, pero dunha gran potencia visual tanto nas situacións creadas como na diversidade de escenas das que mana o absurdo, o humor e a poesía.

Baixo a dirección escénica de Rudy Skotheim Jensen, o espectáculo foi creado ex profeso para ser interpretado por irmáns xemelgos. Así, tomando como punto de partida a cuestión da relación psíquica entre eles e aproveitando a súa similitude física, a montaxe propón unha viaxe a través do "espello da identidade". Non se trata de construír un drama sobre a identidade humana, senón de explorar o nacemento dunha nova personalidade, así como a maneira de creala ou influenciala e a posibilidade de dar forma a unha identidade colectiva.

Na obra, Luis Javier e Miguel Angel Córdoba Pelegrín interpretan, nunha especie de xogo ritual entre eles, as ocupacións diarias de varios personaxes, desde o almorzo até a cena, pasando pola ducha, a lectura, a cociña... Durante este día imaxinario, non deixarán de buscar novas individualidades, xogar coa apariencia e experimentar os seus límites para finalmente aproximarse ao seu dobre e intentar descubrir o seu "eu".

Festa do circo

O I Encontro Jeunes Talents Cirque Europe pecharase o martes 29 de xuño ás 21.30 horas no Salón Teatro coa I Circo Europa Party, unha gran festa do circo dirixida pola asociación Pistacinco. Nela participarán unha trintena de artistas locais e parte dos creadores europeos convidados ao encontro, entre eles os integrantes de Duelirium e Circo Expreso, as dúas formacións galegas clasificadas respectivamente entre as finalistas e vencedoras do programa JTCE 2009-2010. Na xornada do luns traballarán conxuntamente para ensamblar os números de circo da festa arredor dunha temática clara: Compostela como punto de encontro europeo.

As entradas para asistir tanto ás dúas funcións de Mi otro yo como á I Circo Europa Party poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, que permanecerá aberto os días de función a partir das 19.30 h. Tamén poden adquirirse por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xove e desempregados), e de 5 euros o domingo, día do espectador.

Documentación
Ligazóns