[23/06/2010] A programación aberta ao público de Circo Europa (I Encontro Jeunes Talents Cirque Europe) continuará mañá xoves 24 e o venres 25, a partir das 20.00 horas, coa celebración no Salón Teatro de Santiago de dous debates sobre a situación actual do novo circo a nivel europeo. O Centro Dramático Galego (CDG) deseñou esta carteleira pública, na que tamén figuran os últimos espectáculos das compañías O Retrete de Dorian Gray e Doble Mandoble e a I Circo Europa Party, como xeito de compartir tanto coa cidadanía como coa comunidade artística que se dedica ao novo circo en Galicia esta primeira edición do evento, que a compañía pública galega organiza como entidade asociada á iniciativa Novos Talentos do Circo Europeo (Jeunes Talents Cirque Europe-JTCE).
Os encargados de dirixir estes dous coloquios serán precisamente Fred Cardon, director de JTCE, e Jean-Michel Guy, presidente do comité de selección deste programa, financiado pola Unión Europea como dispositivo de apoio os artistas emerxentes do novo circo. En ambos casos, a entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade do Salón Teatro.
Variedade estética
Cardón introducirá o primeiro dos debates cunha intervención na que analizará a nova creación en Europa e explicará o funcionamento da iniciativa Jeunes Talents Cirque Europe, mentres que Jean-Michel Guy moderará o coloquio do venres baixo o título As estéticas do circo contemporáneo en Francia. A partir da proxección duns corenta extractos breves de espectáculos creados recentemente nese país, amosarase a extrema variedade de formas estéticas que xiran en torno ao circo: diversificación dos espazos de representación, aumento dos espectáculos monodisciplinares, variedade nos principios dramatúrxicos...
Xunto coa coreógrafa francesa Fatou Traouré (na imaxe, impartindo unha das sesións), Jean-Michel Guy coordina así mesmo o programa formativo central desta primeira edición do encontro Circo Europa, que se vén desenvolvendo en Santiago dende o pasado día 17 coa asistencia dun total de 19 novos creadores europeos, sete deles galegos e o resto procedentes de Alemaña, Bélxica, Croacia, Eslovenia, Finlandia, Francia, Hungría, Irlanda, Suecia, Suíza e Serbia.
Ademais de asistir ás sesións diarias de traballo físico e análise de proxectos, os 19 artistas participantes no encontro tamén abordarán outras disciplinas vinculadas ao novo circo como xénero escénico a través de tres obradoiros impartidos por catro mestres galegos.
Voz, danza tradicional e butoh
A directora teatral Cristina Domínguez abrirá estas sesións formativas o venres 25 de 9.30 a 11.30 horas cun obradoiro de voz e, a continuación, os coreógrafos e bailaríns Vicente Colomer e Jaime P. Díaz -da compañía Nova Galega de Danza- impartirán unha clase de danza tradicional. O sábado 26, de 10.00 a 13.00 horas, será a quenda da coreógrafa coruñesa Bárbara Monteagudo cun obradoiro de danza butoh na sala de ensaios da nave da Agadic, no polígono Costa Vella de Santiago.
Doutra banda, e coincidindo coa actuación en Galicia da Merce Cunningham Dance Company como parte da programación do Xacobeo 2010, os participantes terán a oportunidade de asistiren mañá, de 10.00 a 11.30 horas, a unha master class a cargo de Jennifer Goggans, bailarina da compañía norteamericana desde hai dez anos. A sesión, organizada en colaboración co Centro Coreográfico Galego e coa S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, desenvolverase tamén na nave da Agadic, onde a prestixiosa formación estadounidense terá instalada a súa base de operacións para o adestramento e os ensaios diarios do corpo de baile cara ás actuacións que ofrecerá en Vigo, Santiago e A Coruña.