Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A SELECCIÓN REALIZARASE POR DESIGNACIÓN DO CONSELLO DE DIRECCIÓN DA AXENCIA, ATENDENDO A CRITERIOS DE COMPETENCIA PROFESIONAL E EXPERIENCIA DOS ASPIRANTES

A Agadic abre o prazo de presentación de candidaturas para a dirección do Centro Coreográfico Galego

[18/06/2010] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) mantén aberto dende hoxe e ata o vindeiro día 29 de xuño o prazo de presentación de candidaturas para o posto de director/a do Centro Coreográfico Galego (CCG). Segundo as bases publicadas na web da Agadic, o procedemento de selección realizarase mediante libre designación polo Consello de Dirección desta entidade da Consellería de Cultura e Turismo, a proposta do seu director, para o que se terán en conta "criterios de competencia profesional e experiencia entre persoas con titulación superior".

Entre as tarefas encomendadas a este posto están as de exercer a dirección artística do Centro Coreográfico Galego; dirixir, coordinar e planificar a actividade das sedes ao seu cargo; decidir o plan de programación anual do CCG e xestionar o seu programa de actividades culturais (seleccionar e propoñer as compañías encargadas de producir cada espectáculo programado, os artistas de cada unha das montaxes, etc.)

Ademais, o novo responsable da unidade de danza da Agadic deberá exercer a representación ordinaria do CCG, impulsar os acordos de cooperación e colaboración con centros análogos e outras institucións públicas ou privadas e desenvolver cantas outras funcións lle sexan expresamente encomendadas pola Dirección da Axencia.

Documentación

Xunto coa certificación da titulación académica esixida -licenciatura universitaria ou equivalente- e outra documentación requirida, os candidatos deben achegar o seu currículo, facendo constar os méritos ou circunstancias de especial relevancia para este posto.

A contratación da persoa seleccionada realizarase baixo a modalidade de alta dirección, cunha retribución bruta anual de 39.432,89 euros.

Ligazóns