Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

UN TOTAL 15 DE PROGRAMADORES DA REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS VISITARÁN GUIMARÃES E PORTO PARA DEBATER SOBRE XEITOS ORGANIZATIVOS E PRESENCIAR ESPECTÁCULOS

O programa "Creativa" amosa espazos e modelos escénicos portugueses a xestores culturais galegos

[18/06/2010] O programa europeo CREATIVA desenvolve entre os días 21 e 22 de xuño en Portugal un encontro de industrias culturais, mediante o que un grupo de xestores galegos membros da RGTA (Rede Galega de Teatros e Auditorios) poderán coñecer persoalmente distintos espazos escénicos lusos e os seus modelos de xestión. A iniciativa, organizada pola Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) en colaboración coa Direcçao Regional de Cultura do Norte, forma parte das accións acometidas dentro deste proxecto europeo para a dinamización e comunicación entre as empresas dos distintos sectores culturais das dúas beiras do Miño.

Nesta ocasión, a viaxe centrarase nas visitas ao Centro Cultural Vila Flor De Guimarães e ao Teatro Nacional San João do Porto. En ambos destinos están previstos senllos foros de exposición e debate entre os programadores galegos e portugueses, nos que se abordarán os xeitos organizativos de cada centro e os seus planos de produción e exhibición. Ademais, no caso de Guimarães, o Pequeno Auditorio do Centro Cultural Vila Flor acollerá, con motivo desta visita, catro ciclos de showcases con pequenas mostras das creacións escénicas portuguesas actuais.

Serán un total de 15 profesionais galegos os que se desprazarán durante eses dous días a Portugal, procedentes de concellos e entidades culturais de Vilagarcía, Betanzos, Ames, Arteixo, Muros, Carballo, Sanxenxo, Foz, Ferrol, Tui, A Estrada, Ourense, Neda e Santiago de Compostela.

CREATIVA é un programa con financiamento cargo dos fondos FEDER da Unión Europea que se vén desenvolvendo desde decembro de 2009 mediante distintas propostas para a difusión das industrias culturais do sur de Galicia e do norte de Portugal. Así, a participación nos festivais Play-Doc de Tui e de Cans (O Porriño), ou o evento musical Cores do Atlántico que acolleu a Illa de San Simón o pasado 14 de maio, foron algunhas das accións levadas a cabo durante 2010 dentro de CREATIVA. O programa continuará desenvolvéndose no mes de xullo mediante as colaboracións co Festival de Clown da Estrada (Pontevedra) e coa Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (Ourense).