[17/06/2010] A Merce Cunningham Dance Company ofrecerá tres master class de danza en Santiago de Compostela que, baixo a coordinación do Centro Coreográfico Galego, terán lugar nas mañás dos días 24, 26 e 28 de xuño na sala de ensaios da nave da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) no polígono de Costa Vella. O Xacobeo 2010 colabora na organización destas sesións formativas, que se desenvolven coincidindo coas actuacións da prestixiosa compañía estadounidense en Vigo, Santiago e A Coruña dentro da programación "Camiño das artes escénicas".
A bailarina Jennifer Goggans (na imaxe) impartirá a primeira destas master class, reservada para os participantes no programa Circo Europa (I Encontro Jeunes Telents Cirque Europe), evento organizado polo Centro Dramático Galego que congrega en Santiago, dende hoxe e ata o vindeiro día 29, un total de 70 artistas emerxentes e profesionais das artes escénicas.
25 prazas por sesión
Pola súa banda, o coreógrafo Robert Swinston (na imaxe) dirixirá as sesións do sábado 26, de 10.30 a 12.00 horas, e do luns 28, de 10.00 a 11.30 h. Os bailaríns interesados en asistir a estas clases teñen de prazo ata o día 23 para formalizar a súa solicitude de inscrición segundo as especificacións que se detallan na páxina web do Centro Coreográfico Galego: www.centrocoreografico.org. O custo da matrícula é de 20 € para cada unha das xornadas, establecéndose en ambos casos un límite de 25 prazas.
Ademais, durante a súa estadía en Galicia, a Merce Cunningham Dance Company empregará as instalacións da nave da Agadic en Santiago como base de operacións para o traballo físico e os ensaios diarios do corpo de baile cara ás funcións que ofrecerá dentro da programación do Xacoebo 2010: venres 25 no Centro Cultural Caixanova de Vigo, domingo 27 no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela e mércores 30 no Teatro Rosalía Castro da Coruña.
Esta prestixiosa formación é a principal obra de Merce Cunningham (Washington 1919-2009), coreógrafo americano que revolucionou os piares da danza moderna dende que no 1975 creou a súa primeira obra, mesturando a danza coa música e as artes visuais. Nas súas actuacións galegas, presentará o espectáculo Nearly 90-2, produción creada en memoria do seu fundador e coa que pretende continuar o seu esforzo por compartir e preservar o legado deste lendario artista.
Profesores
Bailarina da compañía norteamericana dende hai dez anos, Jennifer Goggans comezou os seus estudos de danza na súa cidade natal, Owensboro (Kentucky), continuando a súa formación no Ballet Nutmeg en Connecticut. Recibiu o seu BFA en danza de SUNY Purchase no 2000, o mesmo ano no que se uniu ao corpo de baile da Merce Cunningham Dance Company.
Dende 2005 é tamén membro do corpo docente do Merce Cunningham Studio, e puxo en escena a Cunningham’s Cross Currents para o Ballet de Augusta. Asemade, Goggans bailou co Ballet de Louisville, MOMIX, Chantal Yzermans, e Christopher Williams, e creou o vestiario para Daniel Squire’s e RoseAnne Spradlin’s Survive Cycle.
Asistente de coreografía da Merce Cunningham dende 1992, Robert Swinston naceu en Pittsburgh (Pennsylvania) e asistiu ao Middlebury College e á Escola Juilliard, onde recibiu un BFA en Danza. Bailou na compañía amateur de Martha Graham, na José Limón Dance Company ena Kazuko Hirabayashi Dance Theatre. Uniuse á Merce Cunningham en agosto de 1980 e doce anos máis tarde converteuse en asistente do coreógrafo.
Swinston dirixe as actividades do repertorio do grupo suplente FCD, así como o seu labor co Programa de Extensión Educativa Cunningham. Dende 1998, axudou en varias reconstrucións do arquivo Cunningham, incluíndo Suite for Five (1956-1958), Summerspace (1958), How to Pass, Kick, Fall and Run (1965), RainForest (1968), CRWDSPCR (1993) e Ocean (1994). Colabora na posta en escena de obras de Cunningham para outras compañías, como o Boston Ballet, White Oak Dance Project, Rambert Dance Company ou o New York City Ballet. En 2003, Swinston recibiu un premio Bessie pola súa actuación na reposición de How to Pass, Kick, Fall, and Run.