Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ENCONTRO, AO QUE ASISTIRÁ UNHA DECENA DE ALUMNOS, ABORDARÁ AFINACIÓNS ALTERNATIVAS, ACOMPAÑAMENTO E MELODÍAS DE GAITA ADAPTADAS A ESTES INSTRUMENTOS

Carlos Beceiro pecha o ciclo de master class da Agadic cun curso de guitarra, bouzouki e mandolina

[03/06/2010] O músico naronés Carlos Beceiro impartirá entre mañá día 4 e o sábado día 5 de xuño o curso de guitarra, bouzouki e mandolina co que concluirá a segunda edición do ciclo de Master Class de Música Tradicional que organiza a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) na sede da Escola de Altos Estudos Musicais en Santiago de Compostela. Unha decena de alumnos asistirá a este obradoiro, no que se abordarán distintos aspectos relacionados coas afinacións alternativas e o acompañamento na música tradicional e coas melodías de gaita adaptadas a estes instrumentos.

Carlos Beceiro

O traballo nas dúas sesións lectivas -a de mañá, en horario de 17.00 a 21.00 h e a do sábado, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00- terá un carácter eminentemente práctico comezando polas afinacións en música tradicional para continuar coa técnica de man dereita (ritmo, arpexo, batendo e utilizando a palleta) e de man esquerda (formación de acordes, dedillado e melodía).

O seguimento de melodías e ritmos tradicionais, como a jota, a muiñeira, a polka, a charrada ou a polska, o soporte de batimentos irregulares e os acordes de swing e jazz aplicados á música tradicional serán outros dos contidos deste obradoiro, no que tamén se analizará unha melodía e os diferentes xeitos de harmonizar.

Este e o terceiro e último dos encontros incluídos nestas segundo ciclo de clases maxistrais, que deron comezo o pasado día 27 de maio con senllos de percusión impartidos polos mestres Eliseo Parra e David Mayoral.

Traxectoria

Carlos Beceiro inicia o seu contacto coa música a finais dos anos setenta, coincidindo co auxe do folk. Influído polos diversos grupos que pasaron polo Festival de Ortigueira, comeza tocando a gaita para se decidir axiña polos instrumentos de corda.

En 1982 trasládase a Madrid para cursar estudos de solfexo, harmonía e contrabaixo clásico no conservatorio. Paralelamente, adquire formación jazzística co contrabaixista norteamericano Dave Thomas. Nestes anos forma parte como baixista dos grupos de jazz-fussion I.S.P, Lorenzo Azcona Cuarteto e a Big Band da Escola de Música Creativa.

É membro fundador da Musgaña, grupo creado en 1987 co que realizou xiras e concertos en EE.UU., Canadá, Reino Unido, Alemaña, Francia, Bélxica, Holanda, Luxemburgo, Italia, Portugal, Eslovenia, Polonia, Serbia, Suecia, Cuba, India, Marrocos, Finlandia, Tunisia, México, Grecia, Alxeria e Rusia.

Desde 1992 colabora co músico e compositor Luís Delgado en espectáculos como Halquibla, Halilem e Las Tres Culturas.

Compaxina a faceta de instrumentista co ensino a partir de 1993, impartindo clases de baixo eléctrico na Escola Municipal de Música de Alcobendas. Imparte tamén diversos cursos e talleres de guitarra, bouzuki, mandolina e instrumentos de púa no Conservatorio Folk de Lalín, na escola de música tradicional FESTCAT, na escola de verán Crisol de Cuerdas, xunto a Alisdair Fraiser e Natalie Haas; e na escola de música tradicional Plaza Castilla.

Formou parte das bandas de Carlos Núñez e Kepa Junkera, entre outras, e ten participado en espectáculos de Ibérica de Danza ou en Il Viaggio dei Sigerico, dirixido por Maurizio Martinotti e no que interviron Jean Blanchard, Paul James e Lucilla Galeazzi. Como produtor traballou nos discos de Ana Alcaide Viola de teclas e Como la luna y el sol.

Participou en gravacións e concertos con músicos como Jesús Auñón, Eliseo Parra, Maurizio Martinotti, Javier Bergia, Carlos Núñez, Luís Delgado, María Salgado, Manuel Lúa, Eduardo Laguillo, Os Cempés, Kepa Junkera, Dulce Pontes, Bleizi Ruz, Lorenzo Azcona, Baldo Martínez, Mestisay, Albita, Clara Montes, Cristina Pato, Dimitris Psonis, Javier Paxariño e un longo etcétera.

Actualmente participa no proxecto Evening Star, que une música tradicional de baile de Inglaterra, Irlanda, Francia, Italia e España con sons do século XXI. Esta banda está formada por Paul James, Luke Daniels, Patrick Bouffard, Victor Nicholls e Gigi Biolcati.

Tamén forma parte do proxecto The Irish Spanish Connection, unha experiencia musical que une ao grupo irlandés Buille e a Cormac Breatnach con La Musgaña.