Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A MONTAXE REPRESÉNTASE ÁS 20.30 HORAS FROITO DUN ACORDO DE INTERCAMBIO ARTÍSTICO ENTRE A AGADIC E O FITEI DO PORTUGAL

A compañía brasileira Leões de Circo chega mañá ao Salón Teatro de Santiago co monólogo sen texto "A descoberta das Américas"

[02/06/2010] O Salón Teatro de Santiago acolle mañá xoves ás 20.30 horas a posta en escena da obra A descoberta das Américas, a cargo da agrupación brasileira Leões de Circo, como froito dun acordo de intercambio artístico asinado entre a Axencia Galega das Industrias Musicais (Agadic) e o Festival Internacional de Expressão Ibérica (FITEI) de Portugal. No marco desta mesma iniciativa de colaboración, a compañía galega Entremans presentará na noite de hoxe o seu espectáculo Concerto Desconcerto no Palácio da Bolsa de Porto.

O actor Júlio Adrião nun momento do espectáculo "A descoberta das Américas", da compañía brasileira Leões de Circo

Baseada nun monólogo do premio Nobel Darío Fo, A descoberta das Américas conta a historia dun malandrín italiano que vai parar ás embarcacións guiadas por Cristóbal Colón. Para abordar esa aventura en primeira persoa, o actor brasileiro Júlio Adrião e a directora italiana Alessandra Vannucci -responsables tamén da tradución e adaptación do texto- crearon un código mímico e sonoro que substitúe a fala, a través de imaxes, xestos, máscaras, ruídos ou onomatopeas. Trátase dun espectáculo que non só pon en valor a sonoridade e a imaxe das palabras, senón tamén a comicidade dos xestos que as acompañan.

Libre de efectos sonoros e de iluminación, a montaxe céntrase no traballo de actor, usando técnicas que lembran a commedia dell’arte, o clown e o teatro de rúa. Como se estivese contando unha historia de improviso, cada detalle provoca a lembranza do seguinte, nunha cadea de sucesos en que algúns dos feitos son ditos, outros, aludidos e outros, inventados.

Só sobre o escenario

Na obra e só sobre o escenario, Júlio Adrião interpreta a Johan Padan, un malfeitor e fanfurriñeiro, sempre en fuga da fogueira da Inquisición, que embarca en Sevilla nunha das carabelas de Colón. No seu regreso ao vello continente, relata dun xeito moi persoal as súas aventuras polas Américas. Despois de sobrevivir ao naufraxio, este anti-heroe aprende a lingua dos nativos conseguindo convencelos de que ten poderes para ler as mensaxes da lúa e, por iso, forma un exército de indios co obxectivo de combater os invasores españois.

O espectáculo desenvólvese como se unha persoa voltase de viaxe e reunise os amigos para contar como foi. Para dar máis veracidade aos acontecementos e conseguir que seus ouvintes consigan visualizar o que realmente aconteceu, reproduce todos os sons, así como os acenos de todos os personaxes aos que dá vida: indios, cabalos, galiñas, españóis, Jesús, Madalena, entre moitos outros.

Éxito en Brasil

A montaxe logrou un importante éxito de crítica e de público en Brasil, sendo elixida polo xornal O Globo como un dos mellores 10 espectáculos de 2005 e obtendo o premio Shell Brasil ao mellor actor.

A obra orixinal, titulada Johan Padan alla Descoverta delle Americhem, foi escrita en 1992 polo premio Nobel de Literatura Dario Fo para conmemorar os 500 anos do descubrimento de América. O texto constitúe unha sátira intelixente e poderosa contra o colonialismo na cal tamén se abordan os problemas políticos actuais.

As entradas para a A descoberta das Américas poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro o vindeiro xoves a partir das 18.30 horas. Ademais, poden adquirirse por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados).

Ligazóns