Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ORGANIZADOS POLA AGADIC, AMBOS ENCONTROS DESENVOLVERANSE MAÑÁ E O XOVES NA SEDE DA ESCOLA DE ALTOS ESTUDOS MUSICAIS EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

Un total de 23 alumnos asisten aos cursos de Eliseo Parra e David Mayoral que abren o novo ciclo de Master Class de Música Tradicional da Agadic

[25/05/2010] Os mestres Eliseo Parra e David Mayoral (na imaxe) inauguran mañá o segundo ciclo de Master Class de Música Tradicional da Agadic (Axencia Galega das Industrais Culturais) con senllos cursos de percusión aos que asistirán un total de 23 alumnos. Baixo os títulos "A necesidade de cantar" e "Percusións do Mediterráneo", respectivamente, ambos encontros desenvolveranse ata o vindeiro xoves día 27 na sede da Escola de Altos Estudos Musicais en Santiago de Compostela.

David Mayoral

Na súa clase maxistral, Eliseo Parra abordará a percusión como acompañamento do canto e do baile, ensinando a técnica e a maneira de tocar instrumentos tradicionais tales como o pandeiro cadrado, as pandeiretas, o almirez, o triángulo, a cana de bambú, as palmas, etc.; en combinación cos ritmos tradicionais da Península Ibérica e das illas: seguidillas, jotas, fandangos, corridos...

Pola súa banda, David Mayoral impartirá unha clase maxistral sobre a percusión na tradición musical mediterránea, centrándose en tres das familias máis comúns e estendidas no marco destes instrumentos: os pandeiros (bendir, tar, tof, def…), as pandeiretas (req, defi, mazhar…) e os tamboriles de copa (darbuka, doumbeck, táboa exipcia…). Mayoral fará un percorrido que abranguerá desde as técnicas máis básicas até ás máis modernas, pasando polos procedementos de ornamentación rítmicos máis complexos.

Terceira cita

Esta segunda edición das master class de música tradicional completarase cun curso de guitarra, bouzouki e mandolina, a cargo de Carlos Beceiro. O encontro, que terá lugar os días 4 e 5 de xuño, permitirá a aprendizaxe de afinacións alternativas, formación de acordes, acompañamento de música tradicional, melodías de gaita adaptadas a guitarra, bouzouki, etc.

Os interesados en asistir a esta terceira cita do ciclo, dirixida tanto a músicos profesionais coma a estudantes de conservatorios ou de escolas de música, aínda están a tempo de realizar a súa inscrición on line a través do enderezo de internet www.masterclassdemusicatradicional.info. Como nos casos anteriores, establécese un límite máximo de 15 alumnos, que terán que achegar os seus propios instrumentos e aboar previamente 50 euros en concepto de custo de matrícula.

Traxectorias

Eliseo Parra é un recoñecido cantante, percusionista, investigador e mestre no ámbito da música tradicional a nivel estatal. Xa dende moi neno fai gala da súa afección á música e aos 18 anos convértese en músico profesional, ao tempo que cursa estudos no Conservatorio Municipal de Barcelona, cidade á que emigrou coa súa familia dende Sardón del Duero (Valladolid), a súa vila natal.

Tras ser batería-cantante en bandas de rock como Mi Generación, vive a súa época "Zeleste" tocando con Blay Tritono, La Rondalla de la Costa e Sardineta, grupo mítico que xiraba por Europa actuando na rúa e en locais. Na Barcelona dos setenta, acompañou en directo ou en disco a Ovidi Montllor, Gato Pérez, María del Mar Bonet, Marina Rossell ou Al Tall, entre outros. Ademais, nesta mesma época comeza a centrarse máis no canto e na percusión menor.

En 1983, trasládase a Madrid co grupo Mosaico, xa para facer música tradicional. Dous discos foron froito daquela unión: Homenaje a Agapito Marazuela (1984) e De raíz (1985). Ao desfacerse o grupo, traballa con Elisa Serna, Ángel Carril, María Salgado e moitos máis. Volve gravar en 1992 Al Bedrío, Arraigo (1994), Arboleras1 (1995), La boda estorbada (1996), Arboleras2 (1997), Tribus Hispanas (1998), Viva! Quien sabe querer (2002), De ayer mañana (2005) e Diez (2009).
Percorreu medio mundo actuando coa súa banda e ten colaborado con gran parte dos grupos da denominada recreación tradicional da Península. Realizou traballo de campo por boa parte de España xunto a José Manuel Fraile e colaborou nos libros e discos de recompilación deste, como transcritor musical. Cabe destacar tamén o seu Suite Romance, que estreou o Ballet Nacional e a Orquestra Sinfónica de Madrid; así coma o seu traballo como músico e actor para a Compañía Nacional de Teatro Clásico na obra de Lope de Vega Peribáñez y el Comendador de Ocaña.

Percusión étnica

Pola súa banda, David Mayoral inicia a súa formación musical centrándose en educación auditiva e en piano, para especializarse posteriormente en percusión clásica, histórica e árabe.

Desenvolve a maior parte da súa actividade en grupos dedicados á música medieval, renacentista e barroca, mentres que no campo das músicas étnicas e de fusión actuou, entre outras bandas, con Radio Tarifa, Luís Delgado, Cuarteto de Javier Coble, Albaraka, Alquimia e co ballet flamenco de Joaquín Ruiz. Forma parte do trío Transit, no que se presenta dunha maneira pedagóxica unha viaxe polas tradicións musicais da India, Cuba ou Oriente Próximo a través dos seus instrumentos de percusión.

Tocou así mesmo en numerosas compañías de danza oriental, entre as que destaca a Compañía Hispano-Árabe de Danza de Shokry Mohamed, a compañía Ao-Andalus Danza dirixida por Nesma (Julia Salmerón) e a Compañía de Danzas do Mundo (Cristiane Azem e Lenna Beauty), ademais de asinar numerosas colaboracións discográficas.

Ligazóns