Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

DESPOIS DE 30 ANOS DE SILENCIO MUSICAL, REAPARECE ARROUPADA POR UNHA NOVA XERACIÓN DE MÚSICOS COMO DEVENDRA BANHART, JOANNA NEWSOM OU ANIMAL COLLECTIVE

A cantautora folk británica Vashti Bunyan clausura no Salón Teatro a extensión en Santiago do Festival Sinsal

[11/05/2010] O Festival Sinsal pecha mañá a cuarta edición da súa extensión en Santiago de Compostela co concerto que ofrecerá Vashti Bunyan a partir das 22.00 horas no Salón Teatro. Na que é a súa primeira actuación en Galicia, a cantautora folk inglesa repasará os temas que marcaron a súa particular traxectoria profesional, que retomou tras 30 anos de silencio arroupada por unha nova xeración de músicos como Devendra Banhart, Joanna Newsom ou Animal Collective, entre outros.

Vashti Bunyan

O caso de Vashti Bunyan (Londres, 1954) é unha estraña illa na historia da música popular, pois despois de publicar con escaso éxito o seu primeiro disco, decidiu retirarse durante décadas ata que, redescuberta por destacados artistas do actual panorama folk norteamericano, regresa aos estudios de gravación e aos escenarios.

Vashti comezou a dedicarse á música tras unha viaxe aos Estados Unidos a mediados dos sesenta, onde entrou en contacto coa obra de Bob Dylan e outros cantautores. Á súa volta ao Reino Unido é descuberta polo manager dos Rolling Stones, e comeza a gravar singles con cancións alleas máis algunha propia.

Artista de culto

En 1970 edita o que será o seu primeiro álbum, Just Another Diamond Day, sen sorte na venda e axiña descatalogado. Pasa os seguintes trinta anos vivindo no anonimato da súa familia mentres o seu disco vai pasando de man en man, medrando aos poucos e ás súas costas ata que, a partir do ano 2000, esperta o interese de músicos como Devendra Banhart ou Joanna Newsom, que falan dela como a súa artista de referencia.

Comeza o seu regreso á música colaborando con Piano Magic, Animal Collective ou o propio Devendra Banhart. Xa en 2005, ve a luz o seu segundo disco Lookaftering, unha presada de novas cancións que afondan no seu estilo sinxelo e na súa voz doce e delicada. Este traballo, editado no selo independente Fat Cat Records, describe precisamente todo o que aconteceu na súa vida durante este impás: fillos, amigos, amantes, natureza e varios cambios máis. Rodeada de colaboradores como Banhart, Adem, Adam Price, Kevin Barker, Joanna Newsom, Otto Hauser, o arranxista e produtor Max Richter e vellos coñecidos como Robert Kirby, Vashti concibiu un disco delicado e austero. Nesta ocasión, a instrumentación, ademais de guitarra acústica, abrangue piano, dulcimer, arpa, oboe e glockenspiel (unha especie de pequena marimba). Tras percorrer Europa, Norte América, Australia e Xapón presentando este disco, en 2007 publica Some Things Just Stick in Your Mind, unha compilación de singles e demos gravados entre 1967 e 1969.

As entradas para o concerto de Vashti Bunyan poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro mañá mércores a partir das 20.00 horas. Ademais, xa poden adquirirse por adiantado na billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e a través do teléfono 902 43 44 43. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados).

Esta actuación clausura a programación musical inserida dentro da cuarta edición da extensión en Santiago do Sinsal, un encontro de referencia en Galicia para a música contemporánea máis vangardista, que no que vai de ano xa presentou no Salón Teatro ao cuarteto xaponés Mono e á cantante arxentina Juana Molina.

Ligazóns