Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CONSELLEIRO DE CULTURA PRESENTOU A BLANCA CENDÁN COMO NOVA DIRECTORA DA COMPAÑÍA PÚBLICA, QUE INICIA ESTA ETAPA APOSTANDO POR NOVOS CRITERIOS ARTÍSTICOS E DE XESTIÓN

O CDG producirá "Salomé" de Oscar Wilde como primeiro espectáculo da temporada 2010-2011

[05/05/2010] O espectáculo Salomé, a partir da obra de Oscar Wilde, abrirá a próxima temporada 2010-2011 do Centro Dramático Galego (CDG) como primeira produción propia da nova etapa que a compañía pública inicia baixo a dirección de Blanca Cendán. Incorporada ao seu posto dende hai unha semana, a directora foi presentada hoxe polo conselleiro de Cultura, Roberto Varela Fariña, nun acto no que tamén se adiantaron as que serán as súas principais liñas de traballo e os novos criterios que aplicará tanto dende o punto de vista artístico como de xestión.

Presentación Blanca Cendán

Neste sentido, Roberto Varela subliñou a "total liberdade artística" e o "rigoroso control administrativo" que rexerán o labor do CDG neste novo período, incidindo igualmente na procura dunha máis ampla distribución e dunha maior rendibilidade social e económica das súas actividades. Pola súa banda, Blanca Cendán avogou por tender pontes entre as institucións públicas e os inversores privados que, no actual contexto de crise global, revertan no fornecemento do apoio económico ao teatro galego.

Diálogo transversal

Canto á xestión interna da entidade, a directora avanzou que nestes momentos se está a configurar a composición dun novo consello de asesores que actuará como órgano consultivo e no que non só haberá representación do ámbito teatral, senón tamén doutros sectores da cultura. O obxectivo é favorecer un diálogo transversal entre os diferentes eidos artísticos que permita abrir novas vías de colaboración e se reflicta así mesmo no traballo sobre os escenarios, de xeito que -tal e como sinalou o conselleiro de Cultura na súa presentación- se produza unha renovación do papel do Centro Dramático Galego no marco do actual sistema cultural galego.

No apartado de produción, xunto coa montaxe de Salomé a cargo dun director galego e dun elenco de seis actores e actrices tamén galegos, Cendán anunciou que o repertorio do CDG abrirase ao teatro musical e ao teatro de rúa, dous xéneros con escasa presenza na historia do teatro institucional en Galicia e a través dos que se desenvolverán novas vías de captación de público. Asemade, o teatro contemporáneo ocupará un lugar destacado grazas á incorporación tanto de novos autores como de novos directores.

O Centro Dramático Galego continuará producindo espectáculos con dirección galega e tamén abrirá as portas a directores convidados, sempre de recoñecida traxectoria no ámbito estatal e internacional, que achegarán a súa experiencia aos profesionais galegos ao tempo que comprobarán de primeira man a calidade dos nosos actores, actrices e demais integrantes dos equipos técnicos e artísticos cara á apertura de futuras vías de colaboración profesional.

Selo CDG

Sen desbotar outras dinámicas de traballo xa asentadas, a nova responsable da entidade manifestou a súa intención de potenciar o actual sistema de coproducións, incrementando as dotacións para cada proxecto seleccionado e apoiando unha maior distribución fóra de Galicia baixo o "selo CDG" como garantía dun maior nivel de calidade e excelencia artística.

Tamén fixo referencia ao plano formativo, que se articulará en torno a dous eixes principais. Dunha banda, o "traballo dende a base", estreitando liñas de colaboración coas escolas e centros de formación en moi diferentes disciplinas escénicas: teatro, danza, circo, performance, etc. Doutra, a organización directa e específica de programas pedagóxicos. Neste apartado, farase fincapé na optimización de recursos, de xeito que se desenvolverán diferentes accións formativas asociadas ás producións da compañía pública ou en coincidencia coa visita a Galicia de destacados mestres ou profesionais da escena a nivel internacional.

Blanca Cendán é a primeira directora do Centro Dramático Galego que accede ao cargo a partir da convocatoria dun concurso publico. O pasado 9 de abril o Consello de Dirección da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) resolveu o seu nomeamento por ser a candidata máis valorada entre unha terna de aspirantes.

Documentación