Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

INTERPRETARÁN MAÑÁ, ÁS 20.30 H, NO SALÓN TEATRO OS TEMAS DE "FOLKFUSIÓN", TÍTULO DO SEU NOVO TRABALLO DISCOGRÁFICO QUE DEFINE ASÍ MESMO O SON CARACTERÍSTICO DA BANDA

BellónMaceiras Quinteto pecha o primeiro ciclo de concertos promocionais "ST Música Presente"

[29/04/2010] O concerto de BellónMaceiras Quinteto pechará mañá, ás 20.30 horas no Salón Teatro de Santiago, a primeira entrega do programa "ST Música Presente", creado pola AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) co obxectivo de facilitar a promoción especial de novos traballos discográficos galegos a través de actuacións dirixidas preferentemente a un público especializado, pero abertas tamén a todos os espectadores interesados en función do aforo dispoñible. Promovido xunto a Abada Xestión Cultural, no concerto de mañá a banda interpretará os temas de Folkfusión, título do seu primeiro disco como quinteto que define, asemade, a principal característica do seu son.

BellónMaceiras

O gaiteiro e saxofonista Daniel Bellón e o acordeonista Diego Maceiras xuntáronse en 2005 para poñer en marcha o seu proxecto común, que dous anos despois presentarase xa como quinteto. Así, o guitarrista Juan Cabe, o batería Miguel Lamas e o contrabaixista Juan Tinaquero uníronse aos dous novísimos intérpretes para dar forma a unha banda que asenta o seu traballo na fusión de estilos musicais e no virtuosismo dos seus compoñentes.

Melodías ao "espicho"

No traballo discográfico que presentarán no concerto do Salón Teatro, o quinteto fusiona o novo folk galego coas chamadas músicas do mundo e deixa igualmente lugar para a improvisación, de xeito que a gaita non só interpreta muiñeiras, senón tamén tango, swing, blues, habaneras, jazz, samba, valse francés… O son característico do grupo vén determinado, asemade, polas achegas musicais de cada un dos seus integrantes, que comparten o gusto pola mestura estilística do que nace o que eles mesmos denominan "espicho": a introdución de partes dunha melodía coñecida dentro doutra peza.

As entradas para asistir á súa actuación de mañá en Santiago xa están á venda a través da billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e do teléfono 902 43 44 43 a un prezo especial único de 5 euros. No despacho de billetes do Salón Teatro poderán adquirirse mañá a partir das 18.30 horas.

O de BellónMaceiras Quinteto será o último dos seis concertos promocionais inseridos neste primeiro ciclo do programa "ST Música Presente", que se vén desenvolvendo dende o pasado mes de abril no Salón Teatro e dentro do que xa actuaron Linho do Cuco, Anxo Lorenzo, Emilio Rúa, Álvaro Vieito e Ophiusa.

A iniciativa, deseñada e promovida pola AGADIC en colaboración con AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas), ten como prioridade ofrecer ás discográficas galegas unha nova canle de promoción e difusión dos seus artistas dende unha perspectiva esencialmente comercial, xa que os principais destinatarios destes directos son programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e demais axentes culturais de dentro e fóra de Galicia.

Ligazóns