[28/04/2010] A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) organiza un novo ciclo de tres clases maxistrais ("master class") de música tradicional, que serán impartidas polos mestres Eliseo Parra, David Mayoral e Carlos Beceiro en distintas datas de maio e xuño na Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) de Santiago de Compostela. Nesta segunda edición desta iniciativa pedagóxica, abordaranse contidos como distintos aspectos da percusión en relación co baile popular e afondarase en instrumentos como a guitarra, o bouzouki e a mandolina.
A primeira master class desenvolverase durante os días 26 e 27 de maio baixo o título "A necesidade de cantar", e correrá a cargo de Eliseo Parra (na imaxe). Nela, tratarase a percusión como acompañamento do canto e do baile, ensinando a técnica e a maneira de tocar instrumentos tradicionais tales como o pandeiro cadrado, as pandeiretas, o almirez, o triángulo, a cana de bambú, as palmas, etc.; en combinación cos ritmos tradicionais da península ibérica e das illas: seguidillas, jotas, fandangos, corridos, etc.
Nas mesmas datas ca anterior, David Mayoral impartirá a clase maxistral "Percusións do Mediterráneo", centrándose en tres das familias máis comúns e estendidas dos instrumentos de percusión do Mediterráneo: os pandeiros (bendir, tar, tof, def…), as pandeiretas (req, defi, mazhar…) e os tamboriles de copa (darbuka, doumbeck, táboa exipcia…). Mayoral fará un percorrido que abranguerá desde as técnicas máis básicas até ás máis modernas, pasando polos procedementos de ornamentación rítmicos máis complexos.
A última das citas programadas é o "Curso de guitarra/bouzouki/mandolina", no que participará como mestre Carlos Beceiro. Este encontro, que terá lugar os días 4 e 5 de xuño, permitirá a aprendizaxe de afinacións alternativas, formación de acordes, acompañamento de música tradicional, melodías de gaita adaptadas a guitarra, bouzouki, etc.
Matrícula por 50 euros
Cada master class ofrece un total de 12 horas lectivas para un máximo de 15 alumnos, que deberán achegar os seus propios instrumentos como requisito de participación. O prezo da matrícula é de 50 euros. Os interesados, que poden ser músicos xa profesionais ou estudantes de escolas de música e conservatorios, teñen a posibilidade de realizar a inscrición on-line ou obter máis información a través da páxina web www.masterclassdemusicatradicional.info.
Este ciclo supón a continuación do organizado en novembro e decembro do ano pasado, tamén pola AGADIC, como complemento á formación dos músicos tradicionais galegos. Naquela ocasión foran os mestres Duncan Chisholm, Chefa Alonso e Carlos Castro foron os encargados de impartir as clases.
PROFESORADO
ELISEO PARRA (Sardón de Duero,Valladolid, 1949)
Nacido na Ribeira do Douro un mes antes da década dos 50, desde neno empezou a mostrar gran afección, primeiro polo baile e máis tarde polo canto. Foi crecendo acompañado sempre pola música, cantando en casas de veciños, en rondallas, no coro do Instituto…. Aos 14 anos de idade a familia emigra a Barcelona e é alí onde, sen querelo, se converte en músico profesional con 18 anos, ao tempo que cursa estudos no Conservatorio Municipal.
Case desde o principio foi batería-cantante en bandas de rock como Mi Generación, coa que gravou dous L.P. e un single entre 1971 e 1973, reeditados 35 anos despois por Wha-Wha Records. Despois viría a época "Zeleste" tocando con Blay Tritono, La Rondalla de la Costa e Sardineta, grupo mítico que xiraba por Europa actuando na rúa e en locais.
Na Barcelona dos setenta, acompañou en directo ou en disco a Ovidi Montllor, Gato Pérez, María del Mar Bonet, Marina Rossell ou Al Tall, entre outros. Nesta época empeza a abandonar a batería para centrarse máis no canto e a percusión menor, para converterse en cantante de salsa con orquestras como La Platería, La Sonora Catalana ou La Negra.
En 1983, trasládase a Madrid co grupo Mosaico, xa para facer música tradicional. Dous discos foron froito daquela unión: Homenaje a Agapito Marazuela (1984) e De raíz (1985).
Ao desfacerse o grupo, traballa con Elisa Serna, Ángel Carril, María Salgado e moitos máis. Volve gravar en 1992 Al Bedrío, Arraigo (1994), Arboleras1 (1995), La boda estorbada (1996), Arboleras 2 (1997), Tribus Hispanas (1998), Viva! Quien sabe querer (2002), De ayer mañana (2005) e Diez (2009).
Percorreu medio mundo actuando coa súa magnífica e fiel banda e ten colaborado con gran parte dos grupos da denominada recreación tradicional da Península. Realizou traballo de campo por boa parte de España xunto a José Manuel Fraile e colaborou nos libros e discos de recompilación deste, como transcriptor musical.
Cabe destacar tamén o seu Suite Romance, que estreou o Ballet Nacional e a Orquestra Sinfónica de Madrid; así coma o seu traballo como músico e actor para a Compañía Nacional de Teatro Clásico na obra de Lope de Vega Peribáñez y el Comendador de Ocaña.
Realiza un importante labor docente desde hai seis anos como profesor de percusión e canto tradicional.
DAVID MAYORAL
Inicia a súa formación musical da man de Hebe Onesti (educación auditiva) e do mestre Horacio Icasto (piano). A súa andaina no mundo da percusión clásica comeza con Juanjo Guillem. Posteriormente, interésase pola percusión histórica, recibindo clases do Mestre Pedro Estevan. En paralelo, estuda percusión árabe con Shokry Mohamed e Salah Sabagh. Completa a súa formación con cursos e clases maxistrais de Glen Vélez (req e frame drumming), Keyvan Chemirani (zarb) e Pejman Haddadi (zarb e daff).
Desenvolve a maior parte da súa actividade en grupos dedicados á música medieval, renacentista e barroca (L´Arpeggiata, Mudéjar/Begoña Olavide, Hespérion XXI, La Capilla Reial de Cataluña, Kapsberger Ensemble, Eduardo Paniagua, Axivil, Orphenica Lyra, Camerata Iberia, Dufay Colletive, Cuarteto de Urueña, Ensemble L´Amoroso, Lles Sacqueboutiers,.) cos cales actuou por toda Europa e numerosos países do mundo (Festival de Músicas Sacras de Fes, Instituto Cervantes de Beirut, Opera do Cairo en Exipto, Siria, Tunicia, Festival de Oud de Jerusalem, Kuwait, Feira do Libro en Cuba, Brasil, Estados Unidos, etc.)
No campo das músicas étnicas e de fusión actuou, entre outros grupos, con Radio Tarifa, Luís Delgado, Cuarteto de Javier Coble, Albaraka, Alquimia e co ballet flamenco de Joaquín Ruiz. Forma parte do trío Transit, no que se presenta dunha maneira pedagóxica unha viaxe polas tradicións musicais da India, Cuba ou Oriente Próximo a través dos seus instrumentos de percusión.
Tocou en numerosas compañías de danza oriental, entre as que destaca a Compañía Hispano-Árabe de Danza de Shokry Mohamed, a compañía Ao-Andalus Danza dirixida por Nesma (Julia Salmerón) e a Compañía de Danzas do Mundo (Cristiane Azem e Lenna Beauty).
Entre as súas colaboracións discográficas destacan: Tánger (Luís Delgado/Nubenegra), Ibn-Arabi, Bestiario, Cantigas de Santa María de Atocha, Latidos de o-Andalus (selo Pneuma), Passion for Percussion (con Shokry Mohamed), A Música do Antigo Exipto (N.A. Recordings), Al-son (Mudéjar), Altre Folie e Estampies & Danses Royales (Jordi Savall/Alia-Vox), Los Imposibles (L'Arpeggiata/Naïve), Teatro d´Amore (L`Arpeggiata/Virgin) ou El Fuego (Lles Sacqueboutiers).
CARLOS BECEIRO (Narón, A Coruña)
Inicia o seu contacto coa música a finais dos anos 70, coincidindo co auxe do folk. Influído polos diversos grupos que pasaron polo Festival de Ortigueira, comeza tocando a gaita para se decidir axiña polos instrumentos de corda.
En 1982 trasládase a Madrid para cursar estudos de solfexo, harmonía e contrabaixo clásico no conservatorio. Paralelamente, adquire formación jazzística co contrabaixista norteamericano Dave Thomas. Nestes anos forma parte como baixista dos grupos de jazz-fussion I.S.P, Lorenzo Azcona Cuarteto e a Big Band da Escola de Música Creativa.
É membro fundador da Musgaña, grupo creado en 1987 co que realizou xiras e concertos en EE.UU., Canadá, Reino Unido, Alemaña, Francia, Bélxica, Holanda, Luxemburgo, Italia, Portugal, Eslovenia, Polonia, Serbia, Suecia, Cuba, India, Marrocos, Finlandia, Tunisia, México, Grecia, Alxeria e Rusia.
Desde 1992 colabora co músico e compositor Luís Delgado en espectáculos como Halquibla, Halilem e Las Tres Culturas.
Compaxina a faceta de instrumentista co ensino a partir de 1993, impartindo clases de baixo eléctrico na Escola Municipal de Música de Alcobendas. Imparte tamén diversos cursos e talleres de guitarra, bouzuki, mandolina e instrumentos de púa no Conservatorio Folk de Lalín, na escola de música tradicional FESTCAT, na escola de verán Crisol de Cuerdas, xunto a Alisdair Fraiser e Natalie Haas; e na escola de música tradicional Plaza Castilla.
Formou parte das bandas de Carlos Núñez, Kepa Junkera… e ten participado en espectáculos de Ibérica de Danza ou en Il Viaggio dei Sigerico, dirixido por Maurizio Martinotti e no que participaron Jean Blanchard, Paul James e Lucilla Galeazzi, entre outros. Como produtor traballou nos discos de Ana Alcaide Viola de teclas e Como la luna y el sol.
Participou en gravacións e concertos con músicos como Jesús Auñón, Eliseo Parra, Maurizio Martinotti, Javier Bergia, Carlos Núñez, Luís Delgado, María Salgado, Manuel Lúa, Eduardo Laguillo, Os Cempés, Kepa Junkera, Dulce Pontes, Bleizi Ruz, Lorenzo Azcona, Baldo Martínez, Mestisay, Albita, Clara Montes, Cristina Pato, Dimitris Psonis, Javier Paxariño e un longo etcétera.
Actualmente participa no proxecto Evening Star, que une música tradicional de baile de Inglaterra, Irlanda, Francia, Italia e España con sons do século XXI. Esta banda está formada por Paul James, Luke Daniels, Patrick Bouffard, Victor Nicholls e Gigi Biolcati.
Tamén forma parte do proxecto The Irish Spanish Connection; unha experiencia musical que une ao grupo irlandés Buille e a Cormac Breatnach con La Musgaña.