Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CANTANTE E GUITARRISTA ESCOCÉS GARETH DICKSON ABRIRÁ ESTA NOVA CITA COMPOSTELÁ COA MÚSICA DE VANGARDA, QUE TERÁ LUGAR MAÑÁ XOVES 29 A PARTIR DAS 22.00 HORAS

Continúa a extensión do Festival Sinsal no Salón Teatro co concerto da cantante arxentina Juana Molina

[28/04/2010] O Salón Teatro de Santiago ofrece mañá xoves día 29, a partir das 22.00 horas, o concerto da cantante arxentina Juana Molina, unha das artistas máis sorprendentes e de maior proxección da escena indie folk internacional. Inserida na programación da extensión en Santiago do Festival Sinsal, a súa actuación estará precedida da do cantante e guitarrista escocés Gareth Dickson.

Juana Molina

Comparada pola crítica con autoras tan dispares como Björk ou Joanna Newsom, Juana Molina caracterízase polos ambientes envolventes e hipnóticos que crea coa súa voz austera e volátil en combinación cunhas melodías que transitan entre a guitarra e a electrónica. Os seus directos son, ademais, un auténtico work in progress nos que, axudándose de pedais, as cancións van crecendo ante o público. Así as cousas, unha guitarra, un sintetizador e varios pedais de loops son os únicos instrumentos que precisa para construír o seu particular son, a medio camiño entre o folk, o tribal e o indie rock.

Da televisión á música

Tras protagonizar como actriz varios programas de televisión de grande éxito na Arxentina, país de onde é natural, en 1996 decidiu cambiar de rumbo para dedicarse á música: o seu debut discográfico foi Rara, aínda que previamente se atrevera a realizar unha recompilación de cancións gravadas para un dos seus programas. Nun estudio caseiro, botou man dos teclados, a guitarra, a súa voz e un ordenador para a creación do seu disco Segundo (2000), un traballo no que afondaba no mundo do folk experimental.

En 2001, Juana Molina enviou uns exemplares do disco a un distribuidor do Xapón e Segundo resultou ser o disco arxentino máis vendido no país nipón. En 2002 sacou outro álbum, Tres cosas, que chegou ás mans de Laurence Bell, propietario do selo independente inglés Domino Records, que decidiu editar tanto este traballo como o anterior nos Estados Unidos e no Reino Unido. Daquela, os críticos de medios como Rolling Stone, The Independent ou a BBC foron unánimes nos seus eloxios. Posteriormente publicou Son (2007) e Un día, o seu quinto disco, editado en 2008.

Homenaxe a Nick Drake

O músico escocés Gareth Dickson será o encargado de abrir o concerto de mañá, presentando no espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) o seu último disco, Collected Recordings, unha homenaxe ao recoñecido músico inglés Nick Drake, falecido en 1974.

As entradas para asistir a esta nova cita do Festival Sinsal en Santiago poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro mañá xoves a partir das 20.00 horas. Así mesmo, xa está dispoñible a venda anticipada no teléfono 902 43 44 43 e na web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.

Esta cuarta edición da extensión compostelán do Sinsal, un encontro de referencia en Galicia para a música contemporánea máis vangardista, finalizará o vindeiro 12 de maio coa actuación da cantautora folk británica Vashti Bunyan. As entradas xa están á venda a través da billeteira electrónica.

Ligazóns