Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A BANDA PRESENTARÁ A PARTIR DAS 20.30 HORAS OS TEMAS DE "SEN PLANETA", O SEU SEGUNDO TRABALLO DISCOGRÁFICO

O folk do grupo Ophiusa soará mañá no Salón Teatro dentro do ciclo de concertos ST Música Presente

[26/04/2010] A banda de folk Ophiusa protagonizará mañá martes 27, ás 20.30 horas no Salón Teatro, a quinta e penúltima das citas inseridas no primeiro ciclo de concertos ST Música Presente, posto en marcha pola AGADIC co obxectivo de facilitar a promoción especial de discos galegos a través de concertos dirixidos preferentemente a un público especializado, pero abertos tamén a todos os espectadores interesados en función do aforo dispoñible. No caso da actuación de mañá, promovido xunto coa empresa Nonsí Servizos Culturais, o grupo compostelán presentará en directo os temas de Sen planeta, o seu segundo traballo de estudio.

Ophiusa

Neste nova produción, Ophiusa explora a parte máis eléctrica e ecléctica dentro do seu propio son, xa identificable e recoñecible despois dunha longa traxectoria que se intensificou nos últimos cinco anos. Así, se no seu debut discográfico -Paos, finalista nos Premios de la Música 2008 na categoría de mellor canción cantada en galego- a banda conxugaba os ritmos da música popular global (reggae, bluegrass) cos propios do noso país (muiñeira, xota), en Sen planeta a súa música dá un claro xiro cara á contemporaneidade.

Autoprodución

O sexteto -integrado por Paulo Gacio (frauta e saxo soprano), Antonio Presedo (mandola), Ramón Feáns "Chiri" (bouzouki acústico e eléctrico), Paco Nogueiras (acordeón cromático de botóns), Antonio Bello (baixo eléctrico) e Dani Riveiro (batería e percusións)- gravou este novo traballo nos seus propios estudios (Pink), compoñendo todos os temas e optando pola autoprodución. Deste xeito, tiveron a oportunidade de traballar sen presións, experimentando e xogando coa música e coas posibilidades que ofrecen aparatos como os sintetizadores analóxicos ou os secuenciadores.

Contaron, ademais, con destacadas colaboracións de autores e instrumentistas recoñecidos na escena folk como Bieito Romero (Luar na Lubre), Óscar Fernández (bOnOvO), Benxamín Otero (Linho do Cuco) ou o guitarrista Valentín Caamaño, entre outros.

Ophiusa ten tocado nos máis salientables escenarios do ámbito folk, tales como o Festival de Ortigueira, o Festival Irmandiño de Moeche, o Festival Folk Cuartu de Los Valles en Asturias, a Festa do Lugnasad en Bretoña, etc. Destacan, así mesmo, as xiras que o grupo ten realizado polas Illas Británicas, representando a Galicia en festivais como o Eisteddfod de Llangollen (País de Gales).

Venda de entradas

As entradas para asistir ao seu concerto no Salón Teatro xa están á venda a través da billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e do teléfono 902 43 44 43 a un prezo especial único de 5 euros. No despacho de billetes do teatro, poderán adquirirse mañá a partir das 18.30 horas.

Este primeiro ciclo do programa "ST Música Presente", que se vén desenvolvendo dende o pasado mes de marzo no escenario que xestiona o Centro Dramático Galego en Santiago, rematará o vindeiro venres día 30 cun concerto a cargo de BellónMaceiras Quinteto para presentar en directo o seu disco Folkfusión.

Ligazóns