Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

APOIARANSE PROXECTOS DE CREADORES INDIVIDUAIS PARA A ESCRITA DE GUIÓNS, REALIZACIÓN DE LONGAMETRAXES E CURTAS EN SOPORTE DIXITAL E DE CURTAMETRAXES EXPERIMENTAIS

A AGADIC convoca as axudas para a promoción da nova creación audiovisual por un importe de 300.000 €

[23/04/2010] A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Consellería de Cultura e Turismo destina este ano 300.000 euros ao desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego a través da súa convocatoria de axudas de creación audiovisual, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). O obxectivo destas subvencións, para as que se abre ata o 24 de maio o prazo de presentación de solicitudes, é favorecer a emerxencia de novos creadores así como de proxectos enmarcados nas novas estéticas narrativas ou experimentais.

Trátase, ademais, da única liña de apoio da AGADIC ao sector audiovisual que se dirixe especificamente a creadores individuais no canto de a empresas. Estes poden optar a catro modalidades, en función dos proxectos presentados: escrita de guións individuais -orixinais ou adaptados- para longametraxes de ficción, documentais ou películas para TV; curtametraxes en soporte dixital de ficción, animación ou documentais gravados en versión orixinal galega; longametraxes en soporte dixital e de baixo orzamento que, polas súas especiais características creativas, se consideren de difícil financiamento; e curtametraxes experimentais de decidido contido artístico e cultural.

Ruptura dos códigos narrativos

Neste último caso, teranse en conta aquelas propostas que presenten unha ruptura dos códigos narrativos convencionais, que aposten polo proceso de rodaxe-gravación como método para atopar unha historia e que supoñan unha "indagación subxectiva radical" ou introduzan temáticas pouco tratadas dende a perspectiva audiovisual.

Un total de 48 creadores beneficiáronse en 2009 desta liña de axudas, convocadas por segundo ano a través da AGADIC, traducíndose na realización de 19 curtametraxes experimentais, 13 guións, 4 longametraxes en soporte dixital e 12 curtas no mesmo tipo de soporte.

Documentación