Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A MONTAXE COMBINA HUMOR, MISTERIO E MELANCOLÍA NUNHA HISTORIA QUE COMEZA CANDO A APARICIÓN DUN CADÁVER RACHA A APARENTE TRANQUILIDADE DUNHA IDÍLICA HOSPEDARÍA

As máscaras da compañía alemá Familie Flöz chegan ao Salón Teatro coa comedia negra "Hotel Paradiso"

[22/04/2010] Familie Flöz, compañía alemá pioneira no uso de máscaras no teatro contemporáneo, recala mañá venres 23 e o sábado 24 ás 20.30 horas no Salón Teatro de Santiago de Compostela para presentar a súa peza de teatro xestual Hotel Paradiso. Neste espectáculo sen texto mestúranse moi diversas disciplinas escénicas que dan como resultado un xénero propio e difícil de clasificar, co que esta formación con sede en Berlín recibiu o recoñecemento internacional.

Hotel Paradiso

Nesta ocasión, bota man da comedia negra para desenvolver a súa montaxe de tinturas máis escuras, que combina humor, misterio, sentimentos tormentosos e melancolía para desenvolver unha historia que dá comezo cando nun pequeno e tradicional hotel alpino aparece o corpo sen vida dun dos hóspedes. A raíz do macabro descubrimento, ponse de manifesto que a tranquilidade deste retiro era solo aparente: os fillos da directora conspiran e pelexan encarnizadamente por facerse co negocio, a moza encargada do servizo acostuma roubar aos clientes, e o cociñeiro filetea algo máis que o porco. Así, persoal e hóspedes vense envoltos nun remuíño de malentendidos, enredos e furiosos acontecementos para intentar tapar os feitos e conservar a imaxe idílica do establecemento.

Anna Kistel, Sebastian Kautz, Thomas Rascher e Frederik Rohn son os catro actores que interpretan unha infinidade de personaxes e asinan, así mesmo, a dramaturxia xunto a Michael Vogel, director e responsable do espazo escénico, e a Hajo Schüler, tamén autor das caretas.

Unha familia de 30 membros

A Familie Flöz é un grupo internacional composto por unha trintena de actores, músicos, bailaríns, directores, deseñadores de máscaras e de vestiario, iluminadores, dramaturgos e outros profesionais que, aínda que naceu e ten a súa sede en Alemaña, na actualidade está integrada por membros de ata dez nacionalidades diferentes. A especialidade da compañía son as máscaras que, a través das súas desproporcionadas narices, bocas de punta, fazulas colgantes e peiteados de artista, conforman unha serie de personaxes difíciles de esquecer, que cobran vida dun modo único, grazas á rica expresión corporal dos actores que as levan. Así, os Flöz non propoñen unha sucesión de gags, senón unha obra completa e complexa onde a pesar da aparente incompatibilidade entre máscara e xesto, é capaz de ofrecer todo tipo de rexistros grazas a mestría dos actores.

Nos seus máis de trece anos de existencia, durante os que a compañía foi galardoada con numerosos premios internacionais, levou a escena diferentes pezas mudas, libres de texto, coas que desenvolveu un xénero completamente particular. Tras Ristorante Immortale (1998), Teatro Delusio (2004) e Infinita (2007), a formación segue indagando na procura dunha linguaxe teatral internacional.

As entradas para as funcións do venres 23 e do sábado 24 xa están dispoñibles na billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e no teléfono 902 43 44 43. Tamén poden adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes do comezo das actuacións. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados).

Ligazóns