Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A TRAVÉS DESTAS SUBVENCIÓNS APÓIASE UNHA FASE ESENCIAL DA PRODUCIÓN DE CINE E TELEVISIÓN, QUE INCLÚE A SELECCIÓN DA HISTORIA E A PREPARACIÓN DO GUIÓN E DO ORZAMENTO

A AGADIC destina 500.000 euros á liña de axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais

[20/04/2010] A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Consellería de Cultura e Turismo acaba de facer pública a súa convocatoria de subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega, cunha dotación total de 500.000 euros que será distribuída ao 50 por cento entre as anualidades 2010 e 2011. O prazo de presentación de solicitudes estenderase dende mañá ata o vindeiro 20 de maio, inclusive.

Poderán optar a esta liña de axudas, aquelas produtoras audiovisuais independentes, con sucursal ou oficina permanente en Galicia, que presenten proxectos de traballo previo cara á futura realización de longametraxes de ficción (imaxe real ou animación) ou documentais, películas para televisión, formatos televisivos innovadores ou pilotos de series de animación para televisión. Deste xeito, a AGADIC busca fomentar unha das fases esenciais na produción dunha obra audiovisual, durante a que se leva a cabo a selección da historia e a posta a punto do guión e do orzamento, entre outras tarefas.

Segundo as bases publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), enténdese por desenvolvemento de proxectos o "conxunto de operacións previas aos proceso de preprodución dunha obra audiovisual": adquisición de dereitos, traballo de investigación, escrita e análise do guión, selección do equipo artístico e técnico, preparación do orzamento estimado, procura de socios, planificación da produción, plano inicial de márketing, etc.

Con esta son catro as convocatorias publicadas ata o momento no marco do programa anual de axudas ao sector audiovisual da Consellería de Cultura: xunto coas de desenvolvemento de proxectos audiovisuais, figuran tamén as subvencións á produción de curtametraxes e de videoclips, ao desenvolvemento e produción de contidos interactivos en lingua galega e á amortización dos custos de produción de longametraxes cinematográficas. Proximamente verán a luz, asemade, as convocatorias para produción ou coprodución de longametraxes en lingua galega e para a creación audiovisual (escrita individual de guións e a realización de curtametraxes e longametraxes en soporte dixital).

Documentación