Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

NO EVENTO, QUE SE CELEBRARÁ MAÑÁ ÁS 20.00 H, INTERPRETARANSE FRAGMENTOS DAS OBRAS FINALISTAS, ENTREVISTARASE AOS PROTAGONISTAS E ACTUARÁ EN DIRECTO O GRUPO STRANNIKI

CDG e Radio Galega organizan no Teatro Principal de Ourense a gala de entrega da cuarta edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

[14/04/2010] O Centro Dramático Galego (CDG) e a Radio Galega organizan a gala de entrega do IV Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que se desenvolverá no Teatro Principal de Ourense mañá xoves 15 de abril, a partir das 20.00 horas, e no transcurso da que Vanesa Martínez Sotelo recollerá o galardón do xurado pola obra Indoor e Begoña García Ferreira, o do público por O vento da illa, cunha dotación económica de 3.000 euros en ambos casos.

Como en anteriores edicións, utilizouse o formato de "espazo radioescénico" para deseñar este acto de entrega como unha emisión especial do programa da Radio Galega Diario Cultural. Deste xeito, Ana Romaní e Anxo Quintela serán os condutores dunha gala na que, ademais de entrevistar aos protagonistas, darán paso ás interpretacións de varios fragmentos dos textos finalistas -entre os que se atopa tamén Nunca me esquecerei de ti, de David Rodríguez- e ás intervencións musicais do grupo Stranniki. Ánxeles Cuña Bóveda fíxose cargo da dirección escénica, á fronte dun elenco de oito actores e actrices, todos eles parte do equipo habitual da compañía ourensá Sarabela Teatro: Fernando Dacosta, Sabela Gago, Elena Seijo, Suso Díaz, Tito Asorey, Fina Calleja, Josito Porto e Nate Borrajo.

No transcurso do evento, de acceso libre ata completar o aforo, presentarase asemade o libro-CD publicado por Edicións Xerais de Galicia, no que se que recolle o texto e o rexistro sonoro das tres obras finalistas.

O Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, convocado pola Radio Galega e o CDG co patrocinio da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), ten entre as súas prioridades fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico desde unha perspectiva contemporánea. David Rodríguez foi o gañador da primeira edición con O Bambám, que recibiu tamén o premio do público. Na segunda edición recoñecéronse as obras O mal da vaca, de Begoña García (premio do xurado) e Saltimbanqui, de Lois Pérez (premio da audiencia). En 2009, Rubén Ruibal e César Candelas recolleron os galardóns da audiencia e do xurado por Peter Buckley.