Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

AS SUBVENCIÓNS DE CONCESIÓN AUTOMÁTICA PARA LONGAMETRAXES, TELEFILMES E DOCUMENTAIS XA REALIZADOS DÓTANSE CON 800.000 EUROS, UN 33% MÁIS QUE EN 2009

A Axencia Galega das Industrias Culturais convoca as axudas ao sector audiovisual para amortización de custos de produción e contidos interactivos

[08/04/2010] A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Consellería de Cultura e Turismo destinará este ano 800.000 euros ás axudas á amortización dos custos de produción de longametraxes cinematográficas, telefilmes e documentais e outros 350.000 euros ás de produción e desenvolvemento de contidos interactivos, segundo as convocatorias que fai públicas esta semana no marco do seu programa de subvencións ao sector audiovisual galego.

Unha das novidades destacadas refírese ao incremento do orzamento no caso da liña de apoio para amortización de custos de produción, que supera en máis dun 33 por cento a dotación do ano pasado (800.000 euros fronte a 600.000 en 2009). Estas subvencións, de concesión automática ata esgotar a contía total reservada, están suxeitas ademais ao marco comunitario aplicable ás axudas destinadas a facilitar o acceso ao financiamento das empresas en situación de crise.

Estrea comercial ou venda a televisións

Poderán ser beneficiarias neste apartado as produtoras audiovisuais independentes con sede ou oficina permanente en Galicia que presenten longametraxes cinematográficas (ficción, documental, animación) ou telefilmes de interese cultural galego que teñan sido obxecto de estrea comercial ou venda a televisións en aberto, dende o 1 de xaneiro de 2009 até o 30 de outubro de 2010, por un importe non inferior a 80.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 15 de setembro, segundo se especifica nas bases que serán publicadas mañá día 9 no Diario Oficial de Galicia (DOG).

No caso da convocatoria referente ao desenvolvemento e produción de contidos interactivos, publicada hoxe no DOG, a dotación global de 350.000 euros desagrégase en dúas anualidades: 150.000 euros en 2010 e 200.000 euros en 2011. Esta modalidade diríxese a proxectos realizados en lingua galega para a internet, televisión dixital interactiva, consolas de videoxogos e dispositivos móbiles, tendo en conta a importancia deste tipo de contidos para a diversidade cultural, a innovación tecnolóxica e o desenvolvemento económico.

As obras deben conxugar texto, son e imaxe -estática ou en movemento- codificada dixitalmente e, agás no caso dos videoxogos, non se admitirán proxectos fóra da rede. Tampouco serán tidos en conta os traballos de consulta, as ferramentas e servizos de software, os proxectos institucionais ou webs corporativas, as traducións de produtos xa existentes ou os contidos exclusivamente informativos. O prazo de presentación de solicitudes finaliza o vindeiro 8 de maio.

O programa de axudas ao sector audiovisual 2010, dentro do que xa foron convocadas así mesmo as axudas á produción de curtametraxes e de videoclips, completarase proximamente coas sucesivas convocatorias dirixidas á produción ou coprodución de longametraxes en lingua galega e con decidido contido artístico, á creación audiovisual para a escrita individual de guións e a realización de curtametraxes e longametraxes en soporte dixital e ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega.

Ligazóns