Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

TEATRO, MÚSICA EN VIVO E DANZA ÚNENSE NESTE ESPECTÁCULO, ONDE OS PERSONAXES SE DEBATEN ENTRE A OBSESIÓN POR RECORDAR E A IMPORTANCIA DE ESQUECER

Voadora en coprodución co CDG estrea no Salón Teatro "Super8", unha comedia musical sobre a memoria

[07/04/2010] A plataforma Voadora estrea este venres 9 ás 21.00 horas no Salón Teatro de Santiago o espectáculo Super8, unha comedia musical realizada en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG) da que ofrecerá outras dúas funcións na fin de semana (sábado 10 ás 20.30 h e domingo 11 ás 18.00 h). Teatro, música en vivo e danza únense para dar forma a unha montaxe que, partindo do cine como metáfora da memoria e da memoria como teatro do vivido, xira arredor duns personaxes que se debaten entre a obsesión por recordar e a importancia de esquecer.

Super8

Super8 é, ademais, a segunda entrega da triloxía Lugares comúns e a terceira produción asinada por Voadora, compañía galega con vínculos en Portugal na que os seus integrantes -todos eles de pouco máis de trinta anos de idade- conforman unha plataforma de creación multidisciplinaria na que traballan a partir da experimentación, o xogo e a procura de novas linguaxes. Neste caso, Marta Pazos asumiu a dirección e a dramaturxia, mentres que José Díaz e Hugo Torres compuxeron a música orixinal do espectáculo que os tres interpretan xunto a Uxía P. Vaello e Sergio Zearreta. Para esta montaxe contaron, así mesmo, coas achegas de Anabell Gago como axudante de dirección, Roberto Leal como colaborador na dramaturxia, Baltasar Patiño no deseño de iluminación, Sandra Varela a cargo do espazo escénico e Fanybell, do estilismo.

O pasado en formato súper 8

Lugares comúns fai referencia aos espazos -reais ou imaxinarios- que todos compartimos e a como eses puntos de encontro inflúen na procura da identidade do individuo contemporáneo. A triloxía explora tres eixes temáticos diferentes (o fracaso, a memoria e o paraíso) relacionados co tempo (presente, pasado e futuro). Así, se PeriFeria -a primeira destas tres propostas, coa que Voadora debutou en 2008- se situaba no presente centrándose no tema do fracaso, Super8 trasládase ao pasado para falar sobre os mecanismos selectivos da memoria.

En Super8, o teatro, a memoria e o cine son tres espellos colocados en triángulo, nun xogo de referencias mutuas. Aquí a memoria é o cuarto no que almacenamos todas as vellas películas caseiras que fomos compilando ao longo da vida, de feito que o acto de lembrar equivale a tirar unha fita da súa lata, poñela a andar no proxector e sentar ante a pantalla para recuperar unha escena concreta e vivila de novo. Deste xeito, Super8 é unha viaxe pola vida dunha persoa a través das súas lembranzas. Nesa viaxe, cada etapa comeza ao abrir unha nova película de súper 8: en cada escena represéntase o que esa película debera contar en imaxes ao ser proxectada sobre a saba branca.

Work in progress

O proceso de creación foi pouco convencional. Executada durante unha residencia artística na sede da ACERT (Associação Cultural e Recreiativa de Tondela) en Portugal, a construción de Super8 non foi tanto unha suma de ensaios como unha experiencia de work in progress a cargo de todo o equipo artístico. Realizouse un proceso de construción dramática á inversa, partindo do improvisado para rematar na escritura do texto. O resultado é unha dramaturxia audaz e á vez ancorada en códigos clásicos, sen deixar atrás a aposta pola creación artística contemporánea, así como un espazo amplo para o libre e o inesperado.

Trala prestrea do espectáculo o pasado 2 de decembro no marco do FINTA (Festival Internacional de Teatro do ACERT), os membros de Voadora ocupan o Salón Teatro dende o 29 de marzo como residentes en ensaios para ultimar a estrea do vindeiro venres cos medios que pon á súa disposición o programa de coproducións do CDG.

A directora, actriz e artista plástica galega Marta Pazos e o actor e músico portugués Hugo Torres son os artífices de Voadora, un proxecto transfronteirizo con sede en Santiago de Compostela que bota a andar no verán de 2007 coa vontade de potenciar a creación artística e o intercambio cultural entre creadores de Galicia e Portugal. O actor, produtor, realizador e compositor José Díaz completa o núcleo creativo desta plataforma, que debutou en 2008 con PeriFeria, baixo a dirección de Montse Triola, e en 2009 estreou O soño, un Shakespeare para dous actores e un pianista inspirado no Soño dunha noite de verán e dirixido por Roberto Leal.

As entradas para as funcións do sábado 10 e do domingo 11 xa están dispoñibles na billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e no teléfono 902 43 44 43. Tamén poden adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes do comezo das actuacións. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

Documentación
Ligazóns