Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

TRÁTASE DA PRIMEIRA CONVOCATORIA DO TOTAL DE SEIS QUE CONFORMARÁN ESTE ANO A LIÑA DE SUBVENCIÓNS AO SECTOR POR UN IMPORTE TOTAL DE 7,1 MILLÓNS DE EUROS

A AGADIC apoia con 200.000 euros a produción de curtametraxes e de videoclips a través do programa de axudas ao audiovisual

[01/04/2010] A Consellería de Cultura e Turismo acaba de convocar as subvencións anuais á produción de curtametraxes e de videoclips por un importe total de 200.000 euros no marco da súa liña de axudas ao audiovisual galego, que por segundo ano consecutivo xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Esta é a primeira do total de seis convocatorias que conformarán en 2010 o programa de apoio económico ao sector cun orzamento global que ascende a 7,1 millóns de euros.

Os beneficiarios das subvencións á produción de curtametraxes poderán ser produtoras audiovisuais independentes, con sucursal ou oficina permanente en Galicia, que presenten proxectos de filmes -de ficción ou documentais- cunha duración inferior a 30 minutos e en versión orixinal galega. Neste apartado, as bases publicadas o 31 de marzo no DOG (Diario Oficial de Galicia) establecen diferentes modalidades canto ao soporte, técnica e código narrativo dos traballos: curtas gravadas en soporte cinematográfico (imaxe real), de animación tamén en soporte cinematográfico e proxectos innovadores ou experimentais en soporte dixital.

Canto aos videoclips, apoiarase a realización de relatos audiovisuais que acompañen ou promovan unha produción discográfica de música galega, realizados a partir da colaboración entre empresas audiovisuais e discográficas. Tanto no caso das curtametraxes como no dos videoclips, o prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 30 de abril.

Novos creadores

O obxectivo destas subvencións, das que o ano pasado se beneficiaron un total de 13 produtoras para a realización de 14 proxectos, é apoiar a novos creadores galegos, impulsar a incorporación das novas tecnoloxías e promover o uso do idioma galego nas obras audiovisuais.

O programa de axudas ao sector audiovisual 2010 completarase proximamente coas sucesivas convocatorias dirixidas á produción ou coprodución de longametraxes en lingua galega e con decidido contido artístico, á creación audiovisual para a escrita individual de guións e a realización de curtametraxes e longametraxes en soporte dixital, ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega, ao desenvolvemento e produción de contidos interactivos en lingua galega e á amortización dos custos de produción de longametraxes cinematográficas, telefilmes e documentais de interese cultural galego.

Documentación