Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O APARTADO DESTINADO Á ACTIVIDADE ESCÉNICA ESTABLECE UN NOVO CRITERIO DE CLASIFICACIÓN DOS ESPECTÁCULOS SUBVENCIONABLES REFERENTE AO FORMATO DAS PRODUCIÓNS

A AGADIC convoca as axudas ás industrias culturais 2010 por un importe total de 2.290.000 euros

[31/03/2010] A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Consellería de Cultura e Turismo destina un importe global máximo de 2.290.000 euros á súa convocatoria anual de axudas ás industrias culturais galegas, que en 2010 incorpora unha sétima liña de apoio dirixida á mellora técnica dos estudios de gravación. Entre as novidades deste ano, cómpre destacar así mesmo a nova clasificación das subvencións á actividade escénica en función do formato dos espectáculos (número de artistas en escena), no canto de por xéneros artísticos, ademais da referencia específica á produción de traballos discográficos.

A reordenación destas axudas, que incrementan lixeiramente a dotación total (15.000 euros máis que en 2009) e introducen cambios na súa redacción encamiñados a simplificar a interpretación das bases e da súa baremación, axústase a un novo marco de actuación a través do que se busca promover o incremento no número de espectadores, a consolidación de industrias culturais competitivas e a busca da excelencia nos produtos culturais de Galicia.

Xunto ás xa mencionadas subvencións á actividade escénica e aos estudios de gravación, a convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) complétase con outras cinco modalidades: programa Crédito-Cultura, produción e promoción de traballos discográficos, distribución, salas de teatro e artes escénicas de titularidade privada e asociacionismo profesional no ámbito das industrias culturais.

Tipos de formato

A maior dotación económica (1.450.000 euros) corresponde á liña de apoio á actividade escénica (modalidade A), na que se insiren sete subcategorías referidas a empresas de nova creación, á produción de espectáculos de pequeno formato, de mediano formato e de gran formato, á produción de espectáculos de novas tendencias, contemporáneos ou de autor, á continuidade da actividade das compañías inseridas nas submodalidades precedentes e á continuidade de compañías residentes.

Neste apartado, o tamaño dos espectáculos convértese no novo criterio clasificador das producións subvencionables, que en anteriores convocatorias viña fixado polo xénero escénico (teatro, danza, maxia). Neste sentido, enténdese por montaxes de pequeno formato aquelas que contan cun máximo de tres actores, actores-manipuladores, bailaríns ou músicos en escena; de mediano formato, entre catro e sete; e de gran formato, máis de sete. Ademais, outros dos axustes salientables neste apartado teñen que ver coa desagregación das antigas axudas á nova creación en dúas categorías diferenciadas (dunha banda, as axudas a empresas de nova creación nas que xa non se ten en conta a idade máxima dos seus integrantes e doutra, os espectáculos de novas tendencias), así como co apoio á consolidación das compañías residentes que o ano pasado resultaron beneficiarias das primeiras subvencións específicas para grupos profesionais galegos vinculados a espazos escénicos concretos.

Industria en transformación

O programa Crédito-Cultura (mod. B) mantén a dotación de 40.000 euros do ano pasado, mentres que a dirixida a traballos discográficos (mod. C) pasa de 90.000 euros en 2009 a 110.000 en 2010, incorporando como actividades subvencionables a produción e a edición discográfica como xeito de apoiar unha industria en pleno proceso de transformación ante o novo escenario dixital.

Canto ao resto do orzamento, un total de 380.000 euros resérvase para as axudas á distribución (mod. D) a través das que se apoiará a distribución exterior de espectáculos escénicos e musicais, a asistencia a feiras e mercados dos diferentes ámbitos culturais e a contratación exterior de montaxes galegas no marco da Feira Galega das Artes Escénicas. A partida para as salas de teatro e artes escénicas privadas (mod. E) será de 160.000 euros, mentres que outros 100.000 euros corresponden ás asociacións profesionais no ámbito das industrias culturais (mod. F) e 50.000 euros, á nova modalidade G para estudios de gravación que contempla tanto a compra de equipamento técnico específico como gastos de reforma, adecuación de espazos e mellora da accesibilidade.

A documentación recibida nos prazos establecidos (ata o 30 de abril, agás nos casos especificados para as modalidades B e D) será avaliada por tres comisións: unha para as cinco primeiras modalidades de axudas á actividade escénica, outra para as de produción e promoción de traballos discográficos e para as de mellora técnica de estudios de gravación, e unha terceira para as categorías de salas privadas e asociacionismo profesional. No resto dos casos, a concesión é automática unha vez certificado que o solicitante reúne todos os requirimentos esixidos.

Documentación