[25/03/2010] O Salón Teatro de Santiago acolle este sábado 27 ás 20.30 horas a actuación de Casa de Fados, unha iniciativa musical na que concorren diferentes instrumentistas e cantantes, primeiras figuras do fado xunto a novas promesas recoñecidas como herdeiras de voces como Amália Rodrigues ou Carlo do Carmo. Esta formación portuguesa, consolidada como unha das máis relevantes no seu xénero, presenta no espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) Em concerto , o seu primeiro traballo discográfico gravado en directo durante as súas xiras.
Casa de Fados parte dunha idea orixinal do cineasta Carlos Saura que se creou especialmente para o filme Fados (2007) coa intención de reunir a diferentes xeracións do canto popular portugués e reproducir o ambiente dunha típica casa de fado lisboeta, un local onde non só se canta senón tamén onde o público rinde culto a cantantes e músicos deste xénero. Agora, este proxecto musical converteuse nunha das formacións máis interesantes dos últimos tempos, que reflicte o gran momento que vive o fado, aclamado por un público cada vez más novo que sinte admiración polos versos cantados á morte, ao amor traizoado, á desesperación e á melancolía.
Ambiente íntimo e nocturno
Na actuación que ofrecerán no Salón Teatro, únense en escena os fadistas Vicente da Camâra, Ricardo Ribeiro, Pedro Mountinho e Ana Sofia Varela, cantando "á desgarrada", uns tras os outros, acompañados polos músicos Pedro Castro (guitarra portuguesa), Jaime Santos (viola) e Joel Pina (baixo acústico).
Presentarán o seu primeiro disco Em Concerto , un traballo que reproduce 19 temas clásicos cun fado rigoroso, creando un ambiente íntimo e nocturno. A posta en escena do concerto reproduce igualmente a estética e a visión que o veterano cineasta aragonés pensara para a súa última película que completa unha triloxía baseada nas músicas urbanas que naceron no século XIX en diferentes cidades e que se converteron en músicas universais.
As entradas para Casa de Fados. Em concerto poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da actuación. Poden adquirirse por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados).