Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

PRESENTARÁ EN DIRECTO "TIRÁN", O SEU DEBUT DISCOGRÁFICO EN SOLITARIO, A PARTIR DAS 20.30 HORAS

O programa "ST Música Presente" ofrece este mércores no Salón Teatro un concerto do gaiteiro Anxo Lorenzo

[22/03/2010] O gaiteiro Anxo Lorenzo protagonizará o vindeiro mércores 24, ás 20.30 horas, no Salón Teatro de Santiago a segunda das actuacións do programa "ST Música Presente", creado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Consellería de Cultura e Turismo para a promoción especial de traballos discográficos galegos a través de concertos dirixidos preferentemente a un público especializado, pero abertos tamén a todos os espectadores interesados en función do aforo dispoñible.

Anxo Lorenzo

No Salón Teatro, Anxo Lorenzo presentará en directo o seu debut discográfico en solitario, que leva por título Tirán en referencia á parroquia de Moaña da que é orixinario. Inspirado nun longo percorrido musical durante o que entrou en contacto con melodías e músicos de diferentes partes do mundo, neste disco Lorenzo explora os límites da gaita a través de 11 temas que camiñan entre a composición e a tradición, entre Galicia e Irlanda.

Traballo internacional

Neste traballo discográfico, editado por Zouma Records e producido por Pedro González, Lorenzo acompáñase da súa banda habitual: Xosé Liz (buzuki), Milla (percusións), Begoña Riobó (violín) e Álvaro Iglesias (contrabaixo), ademais do violinista irlandés Eoaghan Neff como nova incorporación. Tirán inclúe, así mesmo, destacadas colaboracións artísticas como a da gaiteira de Northumbria Kathryn Tickell, as cordas de Pancho Álvarez e Luís Peixoto, a percusión de Roi Adrio, a zanfona de Anxo pintos, o acordeón de Jorge Arribas ou o grupo de estética hindú Om/Off.

Cofundador do grupo vigués Spíritu 986 -que mesturaba gaitas e sintetizadores, electrónica e samplers-, Anxo Lorenzo comezou tocando a frauta aos cinco anos ata que os pais lle regalaron a súa primeira gaita un ano despois. Formado no Conservatorio Superior de Música de Vigo, recibiu clases de Carlos Núñez, Moxenas, Patrick Molard ou Fred Morrison, entre outros.

Na súa ampla experiencia como gaiteiro, ademais de compoñer a sintonía orixinal e oficial do Xacobeo 99, ten colaborado en numerosos proxectos musicais fusionando os sons tradicionais da gaita cunha gran variedade de estilos, desde a música electrónica ao jazz, pasando polo pop, rock ou flamenco. Unha longa lista de formacións e solistas avalan a súa traxectoria, destacando as súas colaboracións con artistas como Celtas Cortos, Lúnasa, Kathryn Tickell, Michael McGoldrick, The Chieftains, Daimh, The National Jazz Orchestra, Luigi Lai, Diarmaid Moynihan, Brian Finnegan, Xarabal, Om/Off, Jaula de Grillos, Tejedor, Angus Mackenzie, Iain MacDonald, Germán Díaz, Mónica Molina, Skape, Amistades Peligrosas, Poncho K, etc.

Prezo especial

Aínda que os principais destinatarios dos concertos de "ST Música Presente" son programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e demais axentes culturais de dentro e fóra de Galicia, tamén o público xeral poderá acceder ao Salón Teatro en función das localidades dispoñibles. No caso da actuación de Anxo Lorenzo, as entradas xa están á venda a través da billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e do teléfono 902 43 44 43 a un prezo especial único de 5 euros. No despacho de billetes do teatro, poderán adquirirse o mesmo mércores a partir das 18.30 horas.

Este programa de concertos, deseñado e promovido pola AGADIC en colaboración con AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas), ten como prioridade ofrecer ás discográficas galegas unha nova canle de promoción e difusión dos seus artistas dende unha perspectiva esencialmente comercial. Así, ademais de Linho do Cuco -que actuou o pasado xoves- e de Anxo Lorenzo, neste primeiro ciclo de directos tamén presentarán os seus novos traballos de estudio Emilio Rúa (26 de marzo), Álvaro Vieito Cuarteto (20 abril), Ophiusa (27 de abril) e BellónMaceiras Quinteto (30 de abril).

"ST Música Presente" regresará con novos concertos promocionais tralo verán, de acordo coa vontade da AGADIC de acoller no Salón Teatro todas as actuacións de artistas galegos que se soliciten dentro deste formato. As propostas dirixiranse prioritariamente á presentación de novos traballo discográficos, aínda que tamén poderá ter cabida a organización de eventos musicais de carácter extraordinario, ben por unha especial combinación de artistas, ben pola execución dun repertorio especial.

Ligazóns