Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O PRAZO DE ADMISIÓN DE ORIXINAIS VAI ATÉ O 11 DE XUÑO E O DITAME EMITIRASE ANTES DO 1 DE NOVEMBRO

Convocada a edición 2010 dos premios Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde

[17/03/2010] A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Consellería de Cultura e Turismo acaba de facer pública a convocatoria 2010 dos seus tres premios literarios no eido dramático -XIX Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, V Manuel María de Literatura Dramática Infantil e VIII Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques (modalidades de público infantil e adulto)-, para os que mantén aberto o prazo de admisión de orixinais até o 11 de xuño. Cada un dos galardóns e modalidades conta cunha dotación económica de 6.000 euros, ademais de contemplar a posibilidade de que as obras sexan publicadas dentro das coleccións dramáticas que a AGADIC coedita con distintas empresas galegas.

Poderán optar a estes premios, que comparten como obxectivo o estímulo da creación literaria no eido dramático, textos teatrais inéditos escritos en galego e non representados nin premiados noutros certames. Tal e como establecen as bases publicadas no Diario Oficial de Galicia, o tema e a extensión poderán ser libres, aínda que deberán ter en conta o principio de duración normal dun espectáculo teatral, de xeito que non serán admitidas as obras de teatro breve. No caso do Álvaro Cunqueiro e do Manuel María, quedarán igualmente excluídos os textos para teatro de monicreques.

Ditame do xurado

O xurado, integrado por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico (dous expertos en literatura dramática, dous elixidos entre escritores, dramaturgos, autores e adaptadores, e outros dous entre directores de escena e outros oficios teatrais) dará a coñecer o seu ditame antes do 1 de novembro. Para tomar a súa decisión, valorará aspectos que teñen que ver coa calidade literaria e dramática, a viabilidade escénica, a especificidade de cada premio e o coidado da lingua.

Manuel Lourenzo foi o gañador da anterior edición do Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais -o de máis longa traxectoria de todos os que se desenvolven no ámbito teatral galego- pola obra Flores de Dunsinane. Ademais en 2009 Xosé A. Neira Cruz obtivo o Manuel María por Sopa de xarope de amora, mentres que o Barriga Verde foi para Ignacio Vilariño por Auga que non vas beber modalidade de teatro para adultos) e para Begoña García por Bon appétit (na categoría de teatro para rapaces).

Documentación