Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

RAQUEL VEGANZONES E GIRISHO GORDON DESEÑARON PARA O PROXECTO UN TRAPECIO DE TRES BARRAS E UN ARNÉS QUE, CAMUFLADO BAIXO A ROUPA, OFRECE NOVAS FORMAS DE SUXEICIÓN

Xóvenes Talentos do Circo Europeo elixe a proposta "Losing Grip" do dúo galego Circo Expreso entre as vencedoras da súa edición 2009-2010

[15/03/2010] Losing Grip, da compañía con sede en Santiago Circo Expreso, será un dos dez proxectos artísticos beneficiarios do programa Xóvenes Talentos do Circo Europeo (Jeunes Talents Cirque Europe-JTCE), tras ser elixido por un xurado internacional entre o total de 33 finalistas desta iniciativa europea de apoio a novos creadores no ámbito das artes circenses. O dúo que integran Raquel Veganzones e Girisho Gordon participou na mostra clasificatoria organizada a finais de xaneiro polo Centro Dramático Galego (CDG), onde o comité de selección valorou a orixinalidade da proposta de circo aéreo que se desenvolve a partir de dous elementos creados ad hoc: un trapecio de tres barras colocadas a modo de escada e un arnés que, camuflado baixo a roupa, lles ofrece novas e sorprendentes formas de suxeición.

Raquel Veganzones e Girisho Gordon accederán agora a un plan de apoio artístico, técnico e económico que, no seu caso, dirixirase principalmente ao desenvolvemento e produción dun espectáculo a partir deste traballo. Así, a organización ofrecerá a cada unha das dez formacións seleccionadas dous períodos de residencia artística nalgún dos centros adscritos. Ademais, Jeune Talents Cirque garántelles unha difusión a nivel europeo a través de varias iniciativas, como a serie de presentacións públicas que se celebrará a partir de agosto en Copenhague, Estrasburgo, Bruxelas e París.

Cun financiamento de 200.000 euros para o bienio 2009-2010 a cargo da Unión Europea, Xóvenes Talentos do Circo Europeo está encabezado polo centro francés Jeunes Talentes Cirque e conta con outras doce entidades asociadas correspondentes a cinco polos ou áreas xeográfica: Illas Británicas, Escandinavia, Europa Central, Europa do Leste e Península Ibérica.

Encontro europeo en Santiago

Como representante do Polo Ibérico, o Centro Dramático Galego organizará en coordinación co Jeunes Talents Cirque Europe o Encontro Europeo de Xóvenes Artistas que se celebrará do 17 ao 28 de xuño en Santiago de Compostela. O evento -dirixido prioritariamente aos finalistas do proceso de selección de JTCE, pero ao que tamén terán acceso outros artistas interesados en función das prazas dispoñibles- terá dúas vertentes: unha de carácter interno a través de workshops, sesións de intercambio artístico e mesas de debate, e outra aberta ao público mediante a exhibición de diferentes espectáculos no Salón Teatro. Deste xeito, buscarase facer partícipes deste encontro europeo tanto ao público xeral como á activa comunidade artística que se dedica ao novo circo en Galicia.

Afincados dende hai un par de anos en Santiago, a valisoletana Raquel Veganzones e o británico Girisho Gordon forman parte do colectivo que adestra, crea e ensaia nas instalacións que a Asociación de Circo e Cabaré Pistacinco ten no polígono do Milladoiro, en Ames. Aquí, xa como Circo Expreso, desenvolveron o seu espectáculo aéreo Un día de praia, no que empregan trapecios e cordas e onde unha radio misteriosa pon os sons e a música. Con esta e outras pezas teñen actuado en diferentes circuítos y festivais de toda Galicia.

Especialistas en trapecio

Ambos posúen unha ampla experiencia en circo aéreo, comezando a traballar xuntos no trapecio en 2004 durante unha xira cunha compañía británica de circo tradicional. Graduada polo Circus Space de Londres e especialista en trapecio volante, Raquel Veganzones participou ademais en varias producións de gran formato en países como Reino Unido, Finlandia ou India. A danza é outro dos seus grandes intereses artísticos e, despois de practicar ximnasia rítmica durante anos, comezou a estudar flamenco e mimo corporal dramático, ademais de danza contemporánea.

Pola súa banda, Girisho Gordon estudou igualmente no Circus Space e especializouse en trapecio fixo. Durante varios anos estivo centrado no seu traballo en solitario, actuando en numerosos festivais europeos. Unha das súas liñas de traballo está moi relacionada co teatro físico, afondando na comedia visual e na teatralidade aplicada aos números aéreos.

Para entrar a formar parte de JTCE, Losing Grip tivo que superar un primeiro proceso de preselección, para a que se recibiron un total de 151 proxectos de toda Europa, e unha fase final consistente na exhibición das propostas ante un xurado internacional. Outra compañía galega -Duelirium (Mercè Solé e Raquel Oitavén), con Voadoras- clasificouse xunto a Circo Expreso entre as 33 finalistas que optaban a entrar no programa, sendo ademais as únicas representantes da Península Ibérica nesta última fase.

Ligazóns