AGADIC

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e TurismoAGADIC

Noticias

O RECITAL, DE ENTRADA LIBRE, DARÁ COMEZO ÁS 21.00 H E NEL SOARÁN A "SINFONÍA Nº 40" DE MOZART E O "KINDER-TOTENLIEDER" DE GUSTAV MAHLER

O mestre Maximino Zumalave dirixe a Orquestra da EAEM no concerto que ofrece mañá en Santiago

[12/03/2010] O mestre compostelán Maximino Zumalave dirixirá a Orquestra da Escola de Altos Estudos Musicais no concerto que ofrecerá mañá sábado día 13, ás 21.00 horas, no auditorio da súa sede en Santiago de Compostela. Nesta actuación, do mesmo xeito que nas celebradas onte no Teatro Coliseo Noela de Noia e hoxe no Edificio Multiúsos de Monforte de Lemos, os alumnos interpretarán a Sinfonía nº 40 de Mozart e o Kinder-Totenlieder de Gustav Mahler.

De entrada libre, estes tres concertos prográmanse como remate do II Encontro de Práctica Orquestral, que os alumnos mantiveron con Zumalave -director asociado da Escola- no marco do programa formativo da Sección de Especialización deste centro que xestiona a Consellería de Cultura e Turismo a través da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais).

Director e pianista, Maximino Zumalave formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. Fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum, foi tamén principal director convidado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992-1995) e na actualidade é director asociado da Real Filharmonía de Galicia, formación da que foi fundador.

Con el actuaron solistas como J. Achúcarro, T. Barto, M. Bayo, E. Bitetti, R. Buchbinder, R. Castromil, A. Ciccolini, J. Colom, V. Gens, V. Georghiu, W. Holzmair, as irmáns Labèque, N. Lahusen, A. de Larrocha, A. León Ara, Ch. Margiono, A. Nafé, M. Orán, A. Rolfe Jonson, G. Sandor, J. Soriano, I. Vermillion e F. P. Zimmermann, entre outros. Frecuente e moi especial é a súa colaboración con Teresa Berganza en diferentes países de Europa.

Ademais de levar a batuta con importantes formacións tanto estranxeiras como españolas, destaca na súa traxectoria a dirección de estreas absolutas de obras de Bernaola, Castillo, García Abril, Groba, Marco, Mestres Quadreny, Villa Rojo, coidando especialmente as primeiras audicións de novos compositores galegos como Alonso, Balboa, Buíde, Durán, Macías, de Paz, Pereiro, Vázquez ou Viaño.

Ligazóns