Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A OBRA QUE MARCOU A ENTRADA DO DRAMATURGO FRANCÉS NO CHAMADO TEATRO DO ABSURDO REPRESENTARASE O SÁBADO 13 ÁS 20.30 HORAS E O DOMINGO 14 ÁS 18.00 H

Sala Muntaner ofrece no Salón Teatro dúas funcións de "Las criadas" de Genet con dirección de Manel Dueso

[11/03/2010] O Salón Teatro de Santiago recibe esta fin de semana á compañía catalá Sala Muntaner, que ofrecerá dúas funcións (sábado 13 ás 20.30 horas e o domingo 14 ás 18.00 h) do seu espectáculo Genet-Las criadas, realizado a partir da obra de Jean Genet que marcou a entrada do novelista, poeta e dramaturgo francés no chamado "teatro do absurdo". Con dirección escénica de Manel Dueso, e seguindo unha indicación do propio autor, os tres personaxes femininos son representados por homes, para potenciar así o xogo teatral.

Genet-Las criadas

Como o mesmo Genet manifestou, "non se trata dunha obra realista que pretenda reproducir o enfrontamento de clase entre dúas criadas e a súa señora; para iso xa están os sindicatos", aseguraba. Polo contrario, trátase dun espectáculo que afonda na non aceptación da condición humana e onde a realidade é denunciada como artificio. Con este obxectivo, o dramaturgo francés propón un xogo que lles permite aos personaxes escapar dunha realidade que detestan e recoñecerse a si mesmos como outros.

En masculino

En Las criadas, dúas serventas -as irmás Clara e Solange- fan quendas para interpretar o papel da súa señora, buscando as súas identidades nun medio que flutúa sen parar entre a realidade e a fantasía. Así, sae a flote o amor-odio que senten por ela e por si mesmas, á vez que expresan aquilo que cren que a señora pensa das súas criadas. A montaxe está protagonizada polos actores Isaac Alcayde, no papel de Clara, e Oriol Genís, no de Solange, ademais de Xavier Pujolràs, no de Señora.

Para Manel Dueso, As criadas é unha obra "brutal, terrible, escura e luminosa a momentos e dunha gran esixencia". Na montaxe da Sala Muntaner, o director tenta representar a obra amosando o universo "genetiano", de aí que no título da montaxe o nome da peza vaia precedido polo apelido do autor.

As entradas para as dúas representacións de Genet-Las criadas en Santiago poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da actuación. Ademais, xa poden adquirirse por adiantado na billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e no teléfono a través do teléfono 902 43 44 43. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

Escritor rebelde

Aínda que os seus escritos foron considerados ao principio pornográficos, Genet foi definido moi cedo como un existencialista preocupado polos problemas da identidade e a alienación, e foi recoñecido como un dos máis importantes escritores do século XX. Fillo ilexítimo dunha prostituta, foi sorprendido roubando á idade de dez anos e durante toda a súa mocidade e ata uns trinta anos despois tivo que enfrontarse a unha longa serie de procesos por roubo e prostitución homosexual. En 1947, ao levar xa dez detencións por roubo, foi condenado a cadea perpetua. Mentres estaba no cárcere, Genet escribiu e publicou varios libros e o seu crecente prestixio literario moveu a un amplo grupo de autores franceses a pedir a súa liberación, que finalmente foi concedida en 1948 polo presidente de Francia.

A súa primeira novela, un traballo autobiográfico sobre a homosexualidade e a vida nos baixos fondos, foi Nosa Señora das flores (1944). Entre as súas novelas posteriores figuran O diario dun ladrón (1949), O milagre da rosa (1951) e Pompas fúnebres (1953). En 1947 Genet comezou a escribir teatro, medio no que creou as súas obras de máis repercusión. A súa primeira obra, As criadas (1947), unha das máis exitosas da súa produción, marcou a súa entrada no movemento do teatro do absurdo. En Estricta vixilancia (1949), O balcón (1957), Os negros (1959) e Os biombos (1961), Genet empregou frecuentemente o cambio de papeis e a inversión entre o ben e o mal como técnicas para subliñar a falsidade dos valores sociais e políticos. Todas as obras de Genet expresan a súa profunda simpatía polos desherdados e os marxinados da sociedade, así como unha profunda rebelión contra a sociedade e as súas convencións. Tamén escribiu os libros de poemas O condenado a morte e Marcha fúnebre. En 1983 concedéuselle o Grand Prix National des Lettres, o premio nacional das letras francesas.

Ligazóns