Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CUARTETO DE POST-ROCK TOCARÁ O VINDEIRO XOVES 11 A PARTIR DAS 22.00 H DESPOIS DE ESGOTAR EN DOUS DÍAS AS ENTRADAS RESERVADAS PARA A VENDA ANTICIPADA

O grupo xaponés Mono encherá o Salón Teatro no primeiro concerto da nova edición do Sinsal en Santiago

[09/03/2010] A banda xaponesa de rock Mono inaugurará unha nova edición da extensión do Festival Sinsal en Santiago co concerto que ofrecerá no Salón Teatro o vindeiro xoves 11 de marzo, a partir das 22.00 horas, despois de esgotar en apenas dous días todas as entradas dispoñibles para a venda anticipada. A actuación do cuarteto -inserida dentro da xira internacional de presentación do seu quinto e último traballo discográfico, Hymn To The Inmortal Wind- estará precedida da de Joe McPhee & Chris Corsano como artistas convidados. Saxofonista e percusionista, respectivamente, estes dous músicos asinan unha das colaboracións máis aplaudidas do free-jazz contemporáneo.

Mono

As últimas entradas reservadas para a venda no despacho de billetes do Salón Teatro poderán adquirirse o mesmo xoves a partir das 20.00 horas, establecéndose un límite máximo de dúas localidades por persoa. O seu prezo é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.

Mono constitúe unha das formacións máis interesantes do panorama independente, ademais de estar considerada como unha das bandas de rock máis influentes da última década. Situado dentro do espectro do post-rock máis instrumental e narrativo, o grupo destaca por unha carreira moi estable en canto á calidade dos seus traballos. O seu particular son caracterízase polo uso da reverberación, a distorsión e o delay nas guitarras, e os seus directos destacan pola súa intensidade tanto no seu xeito de tocar como no seu dinamismo sobre o escenario.

Expoñentes do rock experimental

O estilo da banda está influído polo shoegaze (un tipo de música alternativa xurdido no Reino Unido a finais dos oitenta, que foi denominado así pola prensa debido ao xeito de tocar dalgúns músicos sempre mirando cara ao chan, sen facer contacto visual co seu público) e, especialmente, polo rock experimental, do que son un dos maiores expoñentes. A medida que a súa traxectoria avanza, a banda ábrese a novas sonoridades, incorporando arranxos orquestrais cada vez máis complexos e achegándose pouco a pouco ao minimalismo e á música contemporánea. Ademais, os seus in crescendo memorables sitúana preto do rock progresivo.

O cuarteto formouse en Tokio en 1999. Os seus membros son Takaakira Goto (guitarra), Yoda (guitarra), Tamaki Kunishi (baixo, guitarra, piano e glockenspiel) e Yasunori Takada (percusión, glockenspiel e sintetizador). Desde aquela editaron un total de cinco álbums de estudo: os dous primeiros, Under The Pipal Tree (2001) e One Step More and You Die (2002), publicados en Tzadik Records e Music Mine respectivamente, viron a luz baixo a influencia de bandas noise como Sonic Youth ou My Bloody Valentine. Entre os anos 2004 e 2007, despois de asinar con Temporary Residence Limited, publicaron dous novos traballos: Walking Cloud and Deep Red Sky, Flag Fluttered and The Sun Shined (2004) e You Are There (2006). Finalmente, en 2009 gravaron xunto cunha orquestra de 28 músicos Hymn To The Immortal Wind, disco producido por Steve Albini co que presentan unha nova colección de cancións enmarcadas nun paisaxismo sonoro que sobresae polo seu manexo do son, o silencio e os medios tempos.

Artistas convidados

Esta primeira cita en Santiago do Festival Sinsal, encontro de referencia en Galicia para a música de vangarda, contará coa presenza do saxofonista Joe McPhee e do percusionista Chris Corsano, encargados de abrir o concerto como artistas convidados. McPhee é un veterano do free-jazz. Nado en Florida en 1939, publica os seus primeiros traballos a finais dos sesenta fortemente influído polos acontecementos da época, abríndose durante os setenta á improvisación e á música electrónica desde o selo Hat Hut. Pola súa banda, Chris Corsano é un dos baterías máis influentes e reclamados da actualidade, capaz de traballar dentro do jazz, da experimentación ou do rock. A listaxe de artistas cos que colabora é tan ampla como variada, desde os Sonic Youth Thurston Moore ou Kim Gordon, ata Björk ou Six Organs of Admittance, ademais de formar xunto a Paul Flaherty outro dos dúos máis recoñecidos do panorama actual.

A cuarta edición da extensión do Sinsal no espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) completarase con outras dúas actuacións: as que ofrecerán a arxentina Juana Molina o 29 de abril e a cantautora folk británica Vashti Bunyan o 12 de maio. Nestes momentos, xa está dispoñible a venda anticipada para o concerto de Juana Molina a través da billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e do teléfono 902 43 44 43.

Ligazóns