Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A MONTAXE COA QUE A COMPAÑÍA GALEGA CONMEMORA O SEU VIXÉSIMO QUINTO ANIVERSARIO REPRESENTARASE O XOVES 4, VENRES 5 E SÁBADO 6, ÁS 20.30 H, E O DOMINGO 7, ÁS 18.00

Teatro do Atlántico ofrece esta semana no Salón Teatro catro funcións de "O xogo de Yalta. Afterplay"

[02/03/2010] O Salón Teatro de Santiago acolle esta semana O xogo de Yalta. Afterplay, a última produción de Teatro do Atlántico que reúne nun único espectáculo dúas pezas do dramaturgo irlandés Brian Friel e coa que a compañía galega celebra os seus 25 anos de traxectoria artística. Con dirección escénica de Xúlio Lago, o cuarteto interpretativo que compoñen Victoria Pérez, Damián Contreras, Gonzalo M. Uriarte e María Barcala ofrecerá catro funcións desta montaxe o xoves 4, venres 5 e sábado 6, ás 20.30 horas, e o domingo 7, ás 18.00 horas.

Afterplay

Brian Friel, unha das máis destacadas figuras do actual teatro europeo, inspírase nos personaxes de Anton Chékhov e nas súas inquedanzas atemporais para falar do amor e da soidade. Así, partindo dun dos máis coñecidos relatos do escritor ruso, A dama do canciño, en O xogo de Yalta constrúe unha sorprendente peza dramática con saltos no tempo e no espazo que lanzan ao espectador a unha viaxe case "turística" para introducilo no complexo mundo amoroso que comparten Anna Sergueyevna (interpretada pola debutante actriz Victoria Pérez) e Dmitry Dmitrich (Damián Contreras), situados nunha difícil encrucillada.

Dobre recoñecemento a Gonzalo M. Uriarte

Pola súa banda, en Afterplay (na imaxe) María Barcala e Gonzalo M. Uriarte -cuxa ampla traxectoria actoral acaba de ser recoñecida co Premio Maruxa Villanueva do Concello de Padrón e co Premio Marisa Soto, que concede a Asociación de Actores e Actrices de Galicia dentro dos Premios María Casares- dan vida á Sonia Serebriakowa de Tío Vania e ao Andrei Prozorov de As tres irmás vinte anos despois de protagonizar os seus respectivos dramas. A necesidade de converter en plantación de eucaliptos o que ata agora fora plantación de cereais e a procura de créditos bancarios para subsistir levan a Sonia a Moscú. Nun humilde café coincide con Andrei Prozorov, violinista cunha dura biografía, producíndose entre ambos unha corrente de confesións.

Para a posta en escena destas dúas pezas ambientadas na Rusia de 1900, Xúlio Lago asumiu tamén a dramaturxia e a iluminación, Rodrigo Roel encargouse da escenografía e Susa Porto asinou o vestiario. María del Pilar Martínez ("Pilocha") exerceu como axudante de dirección e o espazo sonoro está composto por temas de Xavier Constenla, interpretados en directo polo propio compositor.

25 anos, 25 producións

A compañía Teatro do Atlántico constituíuse no ano 1985 e desde entón leva realizadas un total de 25 producións, entre as que figuran Casa de bonecas de Ibsen, A noite das tríbades de Olov Enquist, O cerco de Leningrado de Sanchis Sinisterra, O encoro de Conor McPherson, A raíña da beleza de Leenane de Martín McDonagh ou Unha primavera para Aldara de Teresa Moure (galardoada con sete Premios María Casares en 2009).

Levou a cabo xiras por case todas as comunidades autónomas e participou en numerosos festivais nacionais e internacionais (Iberoamericano de Cádiz, FITEI do Porto, Latinoamericano de Córdoba , Internacional de Caracas, Internacional de Ribadavia, Festeixo de Viana do Castelo, Teatro Cómico e Festivo de Cangas, Mostra de Cee, Muestra de las Autonomías Villa de Madrid ou FIT de Carballo), presentando os seus espectáculos sempre en lingua galega.

As entradas para asistir ás catro representacións de O xogo de Yalta. Afterplay en Santiago poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da actuación. Ademais, poden adquirirse por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros de xoves a sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

Documentación