Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ESPECTÁCULO DIRIXIDO POR XÚLIO LAGO REPRESÉNTASE O VINDEIRO VENRES 26 DE FEBREIRO, ÁS 21.00 HORAS, NO TEATRO LAURO OLMO

O CDG leva "As actas escuras" de Roberto Vidal Bolaño ao Barco de Valdeorras

[24/02/2010] O Centro Dramático Galego (CDG) presenta este venres 26 de febreiro, ás 21.00 h, no Teatro Lauro Olmo do Barco As actas escuras, obra de Roberto Vidal Bolaño recuperada 18 anos despois da súa escrita para os escenarios da man do director Xúlio Lago e dun elenco integrado por 14 recoñecidos actores e actrices. Esta primeira posta en escena do texto gañador do Premio Xacobeo de Textos Teatrais en 1992 supón todo un fito no actual panorama escénico galego, achegando finalmente aos espectadores un gran drama sobre a ocultación da verdade e o sentido da ética no que se reflicten tanto a forza simbólica como o espírito crítico característicos de Vidal Bolaño, un dos grandes nomes do teatro galego contemporáneo.

As actas escuras

Xosé Manuel Olveira "Pico" e Ricardo de Barreiro encabezan o elenco, do que tamén forman parte César Cambeiro, Ursia Gago, Jouse García, Mónica García, Teté García, César Goldi, Xoán Carlos Mejuto, Fernando Morán, Rodrigo Roel, Pepe Soto, Agustín Vega e Marcos Viéitez. Estes 14 intérpretes, moitos dos cales tiveron a oportunidade de traballar baixo as ordes de Vidal Bolaño en diferentes espectáculos, encarnan os trinta personaxes ideados polo autor para desenvolver esta trama, centrada nunha investigación sobre o redescubrimento dos restos do Apóstolo na Compostela da segunda metade do século XIX.

Percorrido pola Compostela do século XIX

Xogando cos xiros de varios paneis móbeis, o espazo escénico e o atrezzo deseñados por Rodrigo Roel facilitan os rápidos cambios de escena e ambientación que guían ao espectador nun percorrido pola cidade: a vella estación de Cornes, unha fonda, o café El Siglo, un salón de barbeiro, os sotos da catedral, os salóns do palacio arcebispal… No equipo artístico de As actas escuras figuran asemade Antón Arias Marsal, quen compartiu con Xúlio Lago o deseño de iluminación; Manuel Riveiro, a cargo do deseño do espazo sonoro e La Canalla, do vestiario. Ademais, María Armesto exerceu como axudante de dirección.

A obra comeza coa chegada a Compostela do monxe dominico Don Mauro, quen a petición do cardeal Payá e Rico, máxima autoridade eclesiástica da cidade, debe avalar co seu prestixio como arqueólogo a veracidade dos ósos soterrados na catedral. Don Mauro terá que redactar un informe co resultado das súas investigacións, que será enviado a Roma para ser ratificado polo Papa León XIII. Para esta tarefa, viaxa acompañado do seu sobriño Casiano, mozo librepensador, licenciado en Xeografía e Historia, que no seu afán por buscar a verdade dende postulados científicos, causará certas reticencias tanto nos numerosos cóengos catedralicios como noutros representantes da curia eclesiástica.

Venda de entradas

As localidades para a función de As actas escuras no Teatro Lauro Olmo poranse á venda ao prezo de 5 euros o mesmo venres desde unha hora antes do comezo da representación. Trala súa estadía no Barco, o CDG continuará coa xira galega da montaxe no Teatro Municipal Área Panorámica de Tui (5 de marzo), no Centro Cultural Caixanova de Vigo (17 de marzo), no Teatro Rosalía da Coruña (19 e 20 de marzo), no Teatro Principal de Ourense (27 e 28 de marzo) e no Teatro Jofre de Ferrol (3 de abril). Con anterioridade, o espectáculo foi exhibido en Narón e no Salón Teatro de Santiago, espazo onde permaneceu durante tres semanas cun gran éxito de público.

Documentación