Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CDN COPRODUCE ESTE ESPECTÁCULO, DIRIXIDO POR CARLOTA SUBIRÓS A PARTIR DA OBRA DE LLUÏSA CUNILLÉ, QUE AFONDA NA COMPLEXA RELACIÓN ENTRE O PRIMEIRO E O TERCEIRO MUNDO

Teatre Lliure ofrece no Salón Teatro dúas funcións de "Après moi, le déluge" con Vicky Peña e Jordi Dauder

[17/02/2010] O Salón Teatro de Santiago acolle esta fin de semana (sábado 20 ás 20.30 h e domingo 21 ás 18.00 h) a representación de Après moi, le déluge, unha montaxe de Teatre Lliure en coprodución co Centro Dramático Nacional que reflexiona sobre as relacións entre o primeiro e terceiro mundo. Dirixida por Carlota Subirós e interpretada polos veteranos actores Jordi Dauder e Vicky Peña, a emblemática compañía catalá pon en escena esta peza de Lluïsa Cunillé, galardoada co Premio Lletra d'Or 2008 ao mellor texto teatral editado en catalán.

Après moi, le déluge

Cunillé, unha das autoras máis singulares e activas da nova dramaturxia catalá, ofrece unha visión insólita e persoal da complexa relación entre os chamados primeiro e terceiro mundo. Co encontro de tres persoas nunha habitación de hotel de Kinshasa, a autora revélanos unha penetrante imaxe da loita no seo de África. Temas polémicos como as formas de solidariedade, de diálogo, de explotación ou de caridade aparecen silenciosamente na obra sen caer en ideas preconcibidas ou simplificadoras. Igualmente, sae a relucir o pasado do Congo, aludindo ao contraste da súa riqueza natural coa miseria da súa poboación.

Gran traballo interpretativo

Tanto na súa estrea en Cataluña como na súa posterior exhibición en Madrid, a crítica foi unánime no seu respaldo a esta montaxe, destacando especialmente o seu coidado e detallista traballo interpretativo de Vicky Peña, Premio Nacional de Teatro 2009, e Jordi Dauder, Goya ao Mellor Actor de Reparto 2009. Ademais dos seus dous actores, participaron tamén nesta posta en escena Max Glaenzel e Estel Cristià como responsables da escenografía; Mingo Albir, encargado da iluminación e Marta R. Serra, do vestiario.

A obra Après moi, le déluge (un título que intencionadamente a autora mantén en francés e que pode traducirse como Despois de min, o diluvio) nace tras un encargo de Teatre Lliure no marco do proxecto Autoría Textual, unha iniciativa que propón a dramaturgos cataláns escribir novas obras a partir de temáticas de actualidade. Foi neste contexto cando en decembro de 2004 se lle encargou a Lluïsa Cunillé a realización dunha peza a partir dun informe da FAO (Organización da Comida e a Agricultura das Nacións Unidas) sobre os índices de mortalidade infantil no mundo en relación coa malnutrición e o fame.

A obra comeza co encontro entre un home e unha muller nun cuarto de hotel de Kinshasa, a capital do Congo. El traballa para unha compañía surafricana que se dedica á extracción e á comercialización do coltan, un mineral descuberto nos últimos anos que resulta esencial no desenvolvemento de novas tecnoloxías, e vai reunirse cun ancián africano, a quen non coñece. Ela hai anos que está instalada no hotel, onde fai de intérprete para os homes de negocios que se aloxan alí. O resto do tempo dedícao a tomar o sol ao carón da piscina e, de feito, xa nin se lembra de cando foi a última vez que saíu do hotel. Son dous europeos que nalgún momento da súa vida descubriron a fascinación por África e convertérona no seu refuxio. Ao longo da conversación, a crúa realidade do mundo que os rodea marcada pola inxustiza e o saqueo irase facendo presente dentro do aparente illamento deste cuarto de hotel, a pesar de todos os seus esforzos por manter os ollos e a alma pechados.

Venda de entradas

As entradas para asistir ás dúas representacións de Après moi, le déluge en Santiago poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro o vindeiro sábado de 17.00 a 19.00 horas e o domingo de 16.00 a 18.00 horas. Ademais, poden adquirirse por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

Ligazóns