Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

MÁIS DE 2.000 ESPECTADORES ASISTIRON XA ESTA PRIMEIRA POSTA EN ESCENA DA OBRA DE ROBERTO VIDAL BOLAÑO, DIRIXIDA POR XÚLIO LAGO

O Centro Dramático Galego ofrece as últimas funcións de "As actas escuras" no Salón Teatro de Santiago

[04/02/2010] Máis de 2.000 espectadores asistiron ata o momento á nova produción do Centro Dramático Galego (CDG), As actas escuras, que esta fin de semana ofrecerá as súas tres últimas funcións no Salón Teatro de Santiago (venres 5 e sábado 6, ás 20.30 horas, e domingo 7, ás 18.00 h). En total, serán 17 as representacións que a compañía pública terá ofrecido en Compostela con esta obra de Roberto Vidal Bolaño, recuperada para os escenarios da man do director Xúlio Lago e dun elenco integrado por 14 recoñecidos actores e actrices.

As actas escuras

Tras este período de exhibición no Salón Teatro, o novo espectáculo do CDG visitará outros sete escenarios de toda Galicia. O Pazo da Cultura de Narón será os días 19 e 20 de febreiro o primeiro destino desta xira galega, que se estenderá durante dous meses ata completar unha trintena de funcións: Teatro Lauro Olmo do Barco (26 de febreiro), Teatro Municipal Área Panorámica de Tui (5 de marzo), Centro Cultural Caixanova de Vigo (17 de marzo), Teatro Rosalía da Coruña (19 e 20 de marzo), Teatro Principal de Ourense (27 e 28 de marzo) e Teatro Jofre de Ferrol (3 de abril).

Investigación sobre os restos do Apóstolo

Unha investigación encargada polo cardeal Payá e Rico sobre o redescubrimento dos restos do Apóstolo na Compostela de finais do século XIX centra a trama principal desta historia sobre a ocultación da verdade e o sentido da ética. Xosé Manuel Olveira "Pico" e Ricardo de Barreiro encabezan o elenco, do que tamén forman parte César Cambeiro, Ursia Gago, Jouse García, Mónica García, Teté García, César Goldi, Xoán Carlos Mejuto, Fernando Morán, Rodrigo Roel, Pepe Soto, Agustín Vega e Marcos Viéitez.

As entradas para as tres últimas funcións de As actas escuras en Santiago poden adquirirse ben por anticipado na billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e no teléfono 902 43 44 43, ben no despacho de billetes do Salón Teatro o venres e sábado de 18.30 a 20.30 horas e o domingo de 16.00 a 18.00 horas. O seu prezo é de 10 euros para venres e sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

Ligazóns