[27/01/2010] Un total de 1.252 espectadores asistiron en Santiago ás primeiras funcións da nova produción do Centro Dramático Galego (CDG), As actas escuras, que se sitúa deste xeito entre as montaxes con maior ocupación das exhibidas pola compañía pública nos últimos anos. Xúlio Lago dirixe esta primeira posta en escena da obra de Roberto Vidal Bolaño, que rexistrou un gran éxito tanto nos pases para público xeral (venres e sábados, ás 20.30 h, e domingos, ás 18.00 h) como na primeira representación matinal para institutos celebrada a semana pasada. O espectáculo, estreado o pasado día 15, permanecerá en cartel no Salón Teatro ata o 7 de febreiro.
Un total de 10 centros de ensino de toda Galicia (Ames, Becerreá, Lugo, Negreira, Padrón, Pedrafita, Ribeira e Santiago de Compostela) teñen formalizada ata o momento a súa inscrición para asistir ás funcións escolares de As actas escuras, que se desenvolven os mércores e xoves a partir das 10.30 horas e están especialmente programadas para alumnos de bacharelato de entre 14 e 16 anos de idade.
Á procura da verdade
Unha investigación encargada polo cardeal Payá e Rico sobre o redescubrimento dos restos do Apóstolo na Compostela de finais do século XIX centra a trama principal desta historia sobre a ocultación da verdade e o sentido da ética. Xosé Manuel Olveira "Pico" e Ricardo de Barreiro encabezan o elenco, do que tamén forman parte outros 12 destacados actores e actrices da escena galega: César Cambeiro, Ursia Gago, Jouse García, Mónica García, Teté García, César Goldi, Xoán Carlos Mejuto, Fernando Morán, Rodrigo Roel, Pepe Soto, Agustín Vega e Marcos Viéitez.
As entradas para as funcións da nova produción do CDG en Santiago poden adquirirse tanto no despacho de billetes do Salón Teatro (os venres e sábados de 18.30 a 20.30 horas e os domingos de 16.00 a 18.00 horas) como a través da billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e do teléfono 902 43 44 43. O seu prezo é de 10 euros para venres e sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.