Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

OS PASES PARA PÚBLICO XERAL DA OBRA DE ROBERTO VIDAL BOLAÑO, DIRIXIDA POR XÚLIO LAGO, CELÉBRANSE OS VENRES E SÁBADOS ÁS 20.30 HORAS E OS DOMINGOS ÁS 18.00 HORAS

O Centro Dramático Galego ofrece tres novas funcións de "As actas escuras" esta fin de semana no Salón Teatro

[21/01/2010] O Centro Dramático Galego retoma esta fin de semana (venres 22 e sábado 23 ás 20.30 horas e domingo 24 ás 18.00 horas) no Salón Teatro de Santiago as funcións para público xeral da súa nova produción, As actas escuras, de Roberto Vidal Bolaño baixo a dirección escénica de Xúlio Lago. O espectáculo, que recupera esta gran obra sobre a ocultación da verdade e o sentido da ética 18 anos despois da súa escrita, permanecerá en Compostela ata o vindeiro día 7 de febreiro ofrecendo cinco pases semanais, dous deles concertados con institutos (mércores e xoves, ás 10.30 horas).

As actas escuras

Xosé Manuel Olveira "Pico" e Ricardo de Barreiro encabezan o elenco, do que tamén forman parte outros 12 destacados actores e actrices (César Cambeiro, Ursia Gago, Jouse García, Mónica García, Teté García, César Goldi, Xoán Carlos Mejuto, Fernando Morán, Rodrigo Roel, Pepe Soto, Agustín Vega e Marcos Viéitez), que encarnan os trinta personaxes ideados polo autor para desenvolver esta trama, centrada nunha investigación sobre o redescubrimento dos restos do Apóstolo na Compostela da segunda metade do século XIX.

De toda a información sobre As actas escuras, así como do resto da programación do espazo que xestiona en Santiago a compañía pública, dáse conta a través da web do Centro Dramático Galego e da páxina do Salón Teatro en Facebook, que botou a andar hai tres meses como nova canle de promoción das súas actividades e nestes momentos conta xa con máis de 550 seareiros rexistrados.

As entradas para as funcións deste espectáculo poden adquirirse tanto no despacho de billetes do Salón Teatro (os venres e sábados de 18.30 a 20.30 horas e os domingos de 16.00 a 18.00 horas) como a través da billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e do teléfono 902 43 44 43. O seu prezo é de 10 euros para venres e sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

Ligazóns