Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A NOVA PRODUCIÓN DA COMPAÑÍA PÚBLICA ESTRÉASE O VENRES DÍA 15 NO SALÓN TEATRO DE SANTIAGO, ONDE SE EXHIBIRÁ ATA O 7 DE FEBREIRO PARA INICIAR DESPOIS A SÚA XIRA GALEGA

O Centro Dramático Galego recupera para os escenarios a obra de Roberto Vidal Bolaño "As actas escuras" baixo a dirección de Xúlio Lago

[13/01/2010] O Centro Dramático Galego (CDG) estrea este venres día 15 ás 21.00 horas no Salón Teatro de Santiago a súa nova produción, As actas escuras, obra de Roberto Vidal Bolaño que sube por primeira vez aos escenarios da man do director Xúlio Lago e dun elenco integrado por 14 recoñecidos actores e actrices. A recuperación deste texto 18 anos despois da súa escrita supón todo un fito no panorama escénico galego, achegando finalmente aos espectadores este gran drama sobre a ocultación da verdade e o sentido da ética no que se reflicten tanto a forza simbólica como o espírito crítico característicos de Vidal Bolaño, un dos grandes nomes do teatro galego contemporáneo.

As actas escuras

O espectáculo co que a compañía publica inaugura a súa programación de 2010 foi presentado hoxe polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, quen recoñeceu a "valentía escénica" de Xúlio Lago á fronte desta primeira posta en escena de As actas escuras, obra de gran complexidade artístico-técnica que o director titular da compañía Teatro do Atlántico asumiu desde a fidelidade ao texto orixinal e á visión do teatro que tiña o propio autor, falecido en 2002.

Compostela, século XIX

Xunto con Roberto Varela, interviñeron nesta presentación o director da AGADIC, Juan Carlos Fernández Fasero, o director Xúlio Lago e os actores Xosé Manuel Olveira "Pico" e Ricardo de Barreiro, en representación dun elenco que completan César Cambeiro, Ursia Gago, Jouse García, Mónica García, Teté García, César Goldi, Xoán Carlos Mejuto, Fernando Morán, Rodrigo Roel, Pepe Soto, Agustín Vega e Marcos Viéitez. Estes 14 intérpretes -moitos dos cales tiveron a oportunidade de traballar baixo as ordes de Vidal Bolaño en diferentes espectáculos- encarnan os trinta personaxes ideados polo autor para desenvolver esta trama, centrada nunha investigación sobre o redescubrimento dos restos do Apóstolo na Compostela da segunda metade do século XIX.

Xogando cos xiros de varios paneis móbeis, o espazo escénico e o atrezzo deseñados por Rodrigo Roel facilitan os rápidos cambios de escena e ambientación que guían ao espectador nun percorrido pola cidade: a vella estación de Cornes, unha fonda, o café El Siglo, un salón de barbeiro, os sotos da catedral, os salóns do palacio arcebispal… No equipo artístico de As actas escuras, entre o que se atopan tamén algúns dos colaboradores habituais de Vidal Bolaño, figuran asemade Antón Arias Marsal, quen compartiu con Xúlio Lago o deseño de iluminación; Manuel Riveiro, a cargo do deseño do espazo sonoro e La Canalla, do vestiario. Ademais, María Armesto exerceu como axudante de dirección.

A obra, gañadora do Premio Xacobeo de Textos Teatrais en 1992 e publicada trece anos despois polo Concello de Santiago e A Nosa Terra Edicións, comeza coa chegada a Compostela do monxe dominico Don Mauro, quen a petición do cardeal Payá e Rico, máxima autoridade eclesiástica da cidade, debe avalar co seu prestixio como arqueólogo a veracidade dos ósos soterrados na catedral. Don Mauro terá que redactar un informe co resultado das súas investigacións, que será enviado a Roma para ser ratificado polo Papa León XIII. Para esta tarefa, viaxa acompañado do seu sobriño Casiano, mozo librepensador, licenciado en Xeografía e Historia, que no seu afán por buscar a verdade dende postulados científicos, causará certas reticencias tanto nos numerosos cóengos catedralicios como noutros representantes da curia eclesiástica.

Cinco funcións semanais

As actas escuras representarase ata o domingo 7 de febreiro no Salón Teatro, onde ofrecerá cinco pases semanais: os venres e sábados ás 20.30 horas e os domingos ás 18.00 horas terán lugar as funcións para público xeral, mentres que as representacións concertadas con centros de ensino celebraranse os mércores e xoves ás 10.30 horas. A continuación, o CDG iniciará unha xira que levará este espectáculo a outros sete concellos galegos ata completar unha trintena de funcións no mes de abril: Pazo da Cultura de Narón (19 e 20 de febreiro), Teatro Lauro Olmo do Barco (26 de febreiro), Teatro Municipal Área Panorámica de Tui (5 de marzo), Centro Cultural Caixanova de Vigo (17 de marzo), Teatro Rosalía da Coruña (19 e 20 de marzo), Teatro Principal de Ourense (27 e 28 de marzo) e Teatro Jofre de Ferrol (3 de abril).

Neste momentos xa está dispoñible a venda anticipada de entradas para as funcións do Salón Teatro a través da billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e do teléfono 902 43 44 43. No despacho de billetes do teatro poderán adquirirse os venres e sábados de 18.30 a 20.30 horas e os domingos de 16.00 a 18.00 horas. O prezo das localidades é de 10 euros para as funcións do venres e sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

Próximas actividades

Tal e como avanzou hoxe o conselleiro de Cultura, trala exhibición de As actas escuras o CDG proseguirá co seu labor de xestión do Salón Teatro, ao tempo que levará a cabo tres coproducións con compañías privadas (Por que ferve o meninño no caldo?, de Sapristeatro; Super8, de Voadora; e Os catro da Xunqueira, de Imaxinaria Teatro e Mao Teatro), apoiará sete residencias artísticas e formará parte do desenvolvemento do programa europeo Jeunes Talents du Cirque.

Canto á programación externa da súa sede escénica, durante este primeiro semestre do ano o Salón Teatro ofrecerá os últimos espectáculos das compañía galegas Teatro do Morcego, Teatro do Atlántico, Voadora e Sapristi, entre outras, ademais de acoller de novo a extensión en Compostela do Festival Sinsal de música contemporánea e o Festival Internacional de Teatro Universitario.

Como novidade nesta carteleira, Roberto Varela anunciou, ademais, a celebración dun novo ciclo musical no que "as compañías discográficas galegas poderán presentar os seus últimos traballos discográficos mediante concertos en directo diante de público xeral e especializado, como complemento ao programa de axudas á programación musical da AGADIC".

Ligazóns