Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ESPAZO QUE XESTIONA EN SANTIAGO O CENTRO DRAMÁTICO GALEGO INCREMENTOU EN MÁIS DUN 30 POR CENTO A CIFRA DE ASISTENTES RESPECTO DO ANO ANTERIOR

A programación do Salón Teatro congregou máis de 14.300 espectadores en 2009

[08/01/2010] O Salón Teatro de Santiago, espazo xestionado polo Centro Dramático galego (CDG), pechou 2009 cun total de 14.313 espectadores nas 105 funcións que configuraron a súa carteleira anual. Este balance de asistencia supón un incremento superior ao 30% respecto do rexistrado o ano anterior, confirmando así o respaldo do público a unha programación que estivo protagonizada por 31 formacións artísticas e na que tiveron unha destacada presenza as expresións escénicas máis actuais, ademais das producións propias do CDG.

As dunas

A compañía pública foi precisamente a encargada de inaugurar o ano coa reposición en xaneiro do espectáculo Noite de Reis, que revalidou o seu gran éxito de público cunha porcentaxe de ocupación superior ao 80% e 3.669 entradas vendidas. O seu director, Quico Cadaval, regresou ao Salón Teatro en marzo con As dunas (na imaxe), obra escrita por Manuel Lourenzo como dramaturgo residente do Centro Dramático Galego. Esta produción, a última da temporada 2008-2009, foi seguida por 2.040 espectadores durante o seu período de exhibición en Santiago e por outros 2.436 na xira posterior.

Novo circo

O novo circo tivo un espazo propio nesta programación a través do ciclo Circo en escena, que presentou en Galicia os últimos traballos dos andaluces Varuma Teatro, da formación portuguesa O Último Momento e da francesa Ieto, ademais de acoller o debut da compañía galega Maquinaria Pesada. Nas súas oito representacións, esta iniciativa pioneira rexistrou un total de 1.084 asistentes.

A aposta pola novas linguaxes escénicas reflectiuse, así mesmo, na exhibición dos últimos espectáculos dos galegos Iván Marcos e Nut Teatro: Eco e Wake Up, respectivamente. Ambas montaxes foron coproducidas polo CDG, como tamén o foi Delimvois, obra de Rubén Ruibal que chegou ao espazo compostelán da man da compañía portuguesa Teatro Oficina. As tres coproducións sumaron nove funcións e foron vistas por 731 persoas.

Na programación de 2009 tamén sobresaíron diferentes propostas asinadas por nomes xa consagrados da escena galega. É o caso de Teatro do Morcego, que conmemorou o seu vixésimo aniversario con Kvetch; Cándido Pazó e a compañía Abrapalabra coa reestrea de A piragua, Teatro do Noroeste co espectáculo Glass City (Cidade de Cristal), Lagarta Lagarta con O segredo dos Hoffman, e Matarile Teatro, que culminou a súa residencia artística no Salón Teatro cun ensaio público de Cerrado por aburrimento. En total, as cinco compañías ofreceron 31 pases, rexistrando 3.676 espectadores.

Ademais, dende fóra de Galicia chegaron en outubro dúas montaxes que están a obter un gran respaldo da crítica e do público nas súas respectivas xiras: Nixon-Frost, da compañía catalá Teatre Lliure, e Jardim Zoológico de Cristal, da portuguesa Ao Cabo Teatro. A oferta teatral completouse en decembro coa estrea de As cuñadas, o último espectáculo da Aula de Teatro da Universidade de Santiago, e a xa tradicional Mostra de Teatro Infantil de Nadal, que ofreceu cinco días de representacións cun balance final de 614 asistentes.

Danza e música

Dentro da programación de danza, celebráronse seis funcións coreográficas que foron seguidas por 836 espectadores: en marzo, o coreógrafo catalán Salva Sanchis presentouse por primeira vez en Galicia coa peza Objects in mirror are closer than they appear, mentres que a Cía. Quique Peón debutou en xuño con Ovay, e en novembro a Compañía Marta Carrasco exhibiu Dies Irae. En el Réquiem de Mozart, a última creación da transgresora creadora catalá.

Canto á carteleira musical, o Salón Teatro confirmou en 2009 o seu apoio aos sons máis alternativos. Así e por terceiro ano consecutivo, foi a sede da extensión en Santiago do Festival Sinsal, un dos certames musicais máis innovadores de Galicia. Un total de 788 persoas asistiron ás actuacións de Jeremy Jay, Pram, Larsen & Little Annie, Current 93 (con dobre cartel de concertos) e Woods. Ademais, o Festival Vibracioal TPS celebrou neste escenario o seu concerto de clausura, a cargo da Orquestra de Música Espontánea de Galicia.

Como en anos anteriores, o CDG colaborou con outras entidades culturais a través da cesión do Salón Teatro para a celebración de diferentes eventos, como a Mostra de Teatro Universitario, a Feira Galega das Artes Escénicas, o Festival Cineuropa ou as galas de entrega de galardóns do Certame Galego de Novos Creadores ou dos IV Premios Chano Piñeiro que, porén, non foron tidos en conta neste balance anual.