Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A ACTIVIDADE PARA 2010 COMPLÉTASE CON 2 COPRODUCIÓNS E 8 RESIDENCIAS ARTÍSTICAS

O Centro Coreográfico estreará en primavera un novo espectáculo con música en directo e contido audiovisual

[29/12/2009] O Centro Coreográfico Galego (CCG) estreará en 2010 un novo espectáculo que integrará danza, música en directo e contidos audiovisuais, baixo a dirección artística de creadores galegos. A unidade de produción de danza da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) completará a súa actividade anual co desenvolvemento de dúas pezas máis en réxime de coprodución; e a titoría de oito proxectos de deseño e investigación coreográfica dentro do programa de artistas residentes.

Imaxe de Giseliña, anterior produción

A nova montaxe, promovida desde a AGADIC, terá como fío condutor o tema do camiño, entendido en sentido amplo e como viaxe iniciática persoal ou colectiva. Representarase por medio da execución de danza de non menos de doce bailaríns e bailarinas, que serán seleccionados a partir de xaneiro, e contará tamén con interpretación musical en directo e a proxección audiovisual de contidos especialmente elaborados para a ocasión.

Para o seu deseño e dirección artística, a AGADIC contactou con varios creadores e creadoras, todos eles galegos, aos que solicitou cadanseu proxecto para o desenvolvemento do espectáculo. A estrea está prevista para a primavera de 2010, en tanto que a súa distribución estenderase, dentro e fóra de Galicia, até despois do verán.

Coproducións e residencias

A produción da que será a cuarta montaxe da entidade -despois de Vacuo , de Maruxa Salas; Quiosco das Almas Perdidas , de Roberto Oliván; e Giseliña de Cisco Aznar- será a actividade central do CCG pero non a única, xa que o seu desenvolvemento simultanearase ao longo dos próximos meses coa promoción de dous espectáculos en réxime de coprodución con compañías privadas, coa titoría de oito proxectos dentro do apartado de residencias artísticas e cun plano de formación con varios cursos específicos dirixidos a profesionais do sector.

O programa de coproducións estárá dirixido a compañías, colectivos ou creadores profesionais galegos ou do resto do territorio nacional ou internacional, sempre que colaboren con artistas galegos. Os dous proxectos seleccionados recibirán o apoio económico e a asistencia técnica do CCG mediante a asignación dun servizo de apoio que prestará tarefas de análise e asesoramento artístico canto á planificación e á viabilidade de estratexias de xestión e promoción.

Baixo a categoría de residencias apoiarase a un total de oito artistas individuais ou colectivos artísticos que desexen desenvolver proxectos de investigación ou creación no ámbito da danza ou doutras artes do movemento. Deste xeito, o CCG dotará a creadores e investigadores dunha titoría e dos medios necesarios para experimentar, manifestarse artisticamente ou indagar no terreo da danza contemporánea. O resultado destes procesos culminará sempre coa mostra diante do público do traballo desenvolvido.

As convocatorias de espectáculos en coprodución e de artistas en residencia publicaranse na primeira quincena de xaneiro nas webs www.agadic.info e www.centrocoreografico.org, así coma no Diario Oficial de Galicia.