Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

TROMPICALLO INAUGURA O VINDEIRO SÁBADO DÍA 26 ESTE CICLO, QUE SE ESTENDERÁ ATA O MÉRCORES 30 OFRECENDO MONTAXES DE MONICREQUES, DANZA E TEATRO DE ACTOR E OBXECTOS

O Salón Teatro de Santiago pecha a súa programación anual coa Mostra de Teatro Infantil de Nadal

[23/12/2009] O Salón Teatro de Santiago despide a súa programación de 2009 cunha nova edición da xa tradicional Mostra de Teatro Infantil de Nadal, que ofrecerá do 26 ao 30 de decembro cinco espectáculos de monicreques, danza e teatro de actor e obxectos especialmente pensados para os nenos e nenas. Organizado polo Centro Dramático Galego (CDG), no ciclo participan os grupos galegos Trompicallo Teatro con Violeta Coletas contra as salchichas Gulp! e Caramuxo Teatro con Os Bolechas, así como o colectivo catalán de danza Àngels Margarit/Cía Mudances con Flexelf (na imaxe), o portugués Teatro de Montemuro con Mãos Grandes e a compañía de Castela-A Mancha A Priori Producciones con El sable y la paloma.

Flexelf

As funcións celebraranse ás 19.00 horas, agás no caso da montaxe Mãos Grandes, da que se ofrecerán dous pases ás 18.00 e ás 19.30 horas, cun aforo limitado a 80 persoas. As entradas para asistir aos diferentes espectáculos poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, que permanecerá aberto todos os días de función dende dúas horas antes do comezo de cada actuación. Ademais, poden adquirirse por anticipado na billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e do teléfono 902 43 44 43. O prezo das localidades é de 6 euros e tamén está dispoñible un bono de seis entradas a un prezo de 30 euros.

Dúas comedias de monicreques

A compañía galega Trompicallo Teatro inaugura a mostra o sábado 26 con Violeta Coletas contra as salchichas Gulp!, unha montaxe de monicreques de xénero eminentemente cómico e para toda a familia. A última produción da compañía, unha das máis consolidadas no ámbito das marionetas en Galicia, preséntanos a unha nena que quere crecer porque non lle gusta que lle digan o que ten que facer. Diferentes técnicas de manipulación de bonecos mestúranse para acadar un espectáculo dinámico e divertido no que Violeta terá que recuperar o seu irmán a través dunha viaxe fantástica.

Caramuxo Teatro representará o domingo 27 Os Bolechas, obra baseada nos populares personaxes ideados por Pepe Carreiro que protagonizan agora unha comedia musical. A través de monicreques, asistiremos a un día na vida desta divertida familia, coñeceremos as ocorrencias do pequeno Tatá, as travesuras de Chispa, a Braulio e Sonia, as xemelgas Pili e Loli, e a Carlos, o máis vello dos irmáns.

A danza tamén terá o seu oco neste ciclo coa posta en escena o luns 28 de Flexelf, a cargo de Àngels Margarit/Cía. Mudances. Trátase dunha montaxe interdisciplinar, dirixida a nenos e nenas maiores de 4 anos, que traballa sobre a idea de flexibilidade, elasticidade, reversibilidade, transformación… O espectáculo nace da palabra "flexelf", que á súa vez nace do movemento dun punto que se converte en liña, se enrosca, se reflicte e se repite. Así, todo o que hai en Flexelf móvese, dóbrase ou engúrrase; cada forma transfórmase e convida a viaxar, a descubrir que non todo é o que parece ou a inventar que parece o que vemos.

Traballo con obxectos e movemento

Ademais, e como actividade complementaria a esta representación, a coreógrafa Àngels Margarit impartirá o mesmo luns no CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) un obradoiro dirixido a nenos e nenas de 5 a 11 anos, que poden ir acompañados de adultos. O taller, que se desenvolverá entre as 11.00 e as 13.30 horas, consta de dúas partes: na primeira, cada participante confecciona un caderno con diferentes materiais relacionados co espectáculo Flexelf; en tanto que na segunda, faise unha aproximación a algunhas das ferramentas para xerar movemento a partir de diferentes propostas de traballo corporal, ben sexa de xeito individual, en grupo ou con obxectos.

Pola súa banda, os portugueses de Teatro de Montemuro chegarán o martes 29 ao Salón Teatro con Mãos Grandes, unha peza especialmente concibida para un público menor de 8 anos centrada na vida dun panadeiro, que visita a historia do pan desde a antigüidade até a actualidade, explicando como aprendeu a facer pan tal e como a súa nai lle instruíu. Coloridos personaxes dun palmo e medio de estatura dan vida a un espectáculo divertido, accesible e tamén educativo.

A compañía de Guadalaxara A Priori Producciones será a encargada de pechar a Mostra de Teatro Infantil de Nadal o mércores 30 con El sable y la paloma, obra estreada co gallo do 50 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. No espectáculo, un soldado e unha fada comparten as horas previas a unha batalla. El, un malhumorado capitán, prepárase para se enfrontar a todo un exército. A fada quere concederlle un desexo, pero antes tentará contaxiarlle o seu respecto pola igualdade.

Documentación