Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CENTRO SOCIOCULTURAL CAIXA GALICIA DE VIGO ACOLLERÁ O ENCONTRO "ALFÁNDEGA AUDIOVISUAL" SOBRE OS FESTIVAIS DO SUR DE GALICIA E DO NORTE DE PORTUGAL

Creativa debaterá sobre o audiovisual coa participación dunha vintena de directores de cine e de festivais

[16/12/2009] O encontro "Alfándega audiovisual" centrará mañá a actividade do Foro CREATIVA da industria cultural, cunha xornada dedicada a debater sobre o papel dos festivais cinematográficos e de videocreación que se celebran no Sur de Galicia e no Norte de Portugal. O Centro Sociocultural Caixa Galicia de Vigo acollerá un total de cinco mesas redondas, nas que intervirán unha vintena de directores de cine e de festivais, tralas que se ofrecerá unha escolma de pezas producidas en centros formativos do audiovisual da provincia de Pontevedra.

Niño Y Pistola

Co financiamento da Unión Europea a través dos fondos FEDER e organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Consellería de Cultura e a Direccão Regional de Cultura do Norte do Ministerio de Cultura de Portugal, CREATIVA celébrase ata o vindeiro día 19 nunha decena de espazos de Vigo e a súa área de influencia. A actividade deste programa transfronteirizo articúlase arredor de catro foros sectoriais (artes escénicas, música, audiovisual e produto gráfico), cun total de 16 mesas de debate e reunións profesionais e un cartel artístico con 13 espectáculos escénicos e musicais protagonizados por artistas galegos e portugueses.

Concertos e danza

Así, ademais do "Alfándega audiovisual", a programación prevista para mañá ofrecerá tamén unha mesa de debate sobre as linguaxes da danza, inserida no Foro Artes Escénicas, un concerto do grupo galego Niño y Pistola (na imaxe) e do cantautor portugués Old Jerusalem (ás 22.30 horas na sala Mondo Club), e unha función de danza protagonizada polo Núcleo de Experimentação Coreográfica (ás 20.00 horas, na sede da Escola Superior de Arte Dramática en Bouzas).

Coordinado por Xaime Fandiño, o encontro dedicado ao audiovisual dará comezo ás 10.00 horas cunha mesa centrada nas experiencias de creación e asentamento de diferentes festivais cinematográficos, que se iniciará cun relatorio de Juan Morgade López, presidente da Asociación de Técnicos do Audiovisual de Galicia (ATEGA), e na que tamén intervirán Alfonso Pato, director do Festival de Cans; Ángel Sánchez, director do PlayDoc (Festival Internacional de Documentais de Tui); Cuchi Carreira, director do Festival Redondela en Curto; André Martins, director do Filminho (Festival do Cinema Galego e Portugués) e Jorge Lucas Pino, director do Mívico (Mostra Independente de Videocreación do Condado).

O segundo relatorio, que se celebrará a partir das 11.30 horas baixo o título "Liga veterana: O festival ao longo do tempo", correrá a cargo de Dolores Ben, presidenta da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), e contará así mesmo coas achegas de António Reis, director de Fantasporto (Festival Internacional de Cinema do Porto), Miguel Dias, director do festival internacional Curtas de Vila do Conde; Enrique Nicanor, director do Festival de Cine Internacional de Ourense; Fernando López, director do Certame Audiovisual Internacional Liceo Casino de Vilagarcía; e Asunción Ribero, concelleira de Educación e Cultura do Carballiño, entidade organizadora do Xociviga.

A continuación, o vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual, Pepe Coira, abrirá un debate sobre novas políticas audiovisuais e a súa incidencia na revisión do papel que xogan os festivais cinematográficos. Enrique Nicanor, Ángel Sánchez, Alfonso Pato, Jorge Lucas Pino, Cuchi Carreira e Asunción Ribero tamén formarán parte desta mesa, que se iniciará ás 13.15 horas.

Festivais versus creadores

Xa na sesión de tarde, a partir das 16.30 horas a actriz Camila Bossa, vogal do Audiovisual na Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), ofrecerá unha conferencia titulada "Relación dependente: Festival vs Creador", trala que intervirán os directores de cine Mario Iglesias, Alber Ponte, Marcos Nine e Susana Rey.

Os debates finalizarán cun último relatorio no que Manolo González, produtor e fundador da Escola de Imaxe e Son da Coruña, fará un bosquexo do futuro dos festivais en Galicia, para ceder a palabra a continuación a Miguel Dias, António Reis, Ángel Sánchez, Susana Rey, Camila Bossa e Fernanda del Nido, produtora de Tic-Tac Producciones.

De acceso libre ata completar o aforo do Centro Sociocultural Caixa Galicia, este encontro concluirá ás 19.00 horas coa exhibición dunha escolma de pezas realizadas polos alumnos das Escola de Imaxe e Son de Vigo (EISV), do IES Audiovisual de Vigo, da Escola Superior de Artes Cinematográficas de Galicia (EGACI) e da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra.

Ao tempo, na sede da Escola Superior de Arte Dramática terá lugar a partir das 18.00 horas a terceira das mesas de debate do Foro Artes Escénicas baixo o título "As linguaxes da danza" que, moderada polo profesor da ESAD Ricardo Solveira, contará coas intervencións dos coreógrafos galegos Cristina Cameselle, Ruth Balbis e Vicente Colomer, a produtora Estefanía Vázquez e o coreógrafo brasileiro Joclécio Azevedo, director artístico da plataforma portuguesa Núcleo de Experimentação Coreográfica.

Documentación
Ligazóns