[15/12/2009] A música incorpórase maña ás actividades do Foro CREATIVA cunha xornada de traballo sobre a industria musical de Galicia e o Norte de Portugal e as actuacións de The Blows, Roi Casal e Anxo Lorenzo, como parte da carteleira de concertos asociada a este programa transfronteirizo e multidisciplinar que organizan a AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura e Turismo maila Direccão Regional de Cultura do Norte do Ministerio de Cultura portugués ata o vindeiro día 19 nunha decena de espazos da cidade olívica e a súa área de influencia.
No marco deste encontro e baixo o título Foro Industria Cultural, un total de 40 profesionais da música daranse cita mañá no auditorio da Illa de San Simón para analizar as situación actual e o futuro dos festivais, a distribución de artistas e a industria fonográfica a ambos lados da fronteira.
Representantes dos diferentes ámbitos profesionais implicados (management, produción de concertos, distribución, promoción, discográficas, loxística, etc.), así como das principais asociacións empresariais do sector, participarán nesta sesión, que dará comezo ás 10.00 horas co Panel Festivais, dedicado a afondar no papel destes encontros musicais como dinamizadores socioeconómicos da zona transfronteiriza. As 11.30 horas está previsto o inicio do segundo dos paneis de traballo, centrado na situación actual e nas perspectivas de futuro da distribución de artistas entre o Sur de Galicia e o Norte de Portugal, mentres que ás 13.00 horas celebrarase o Panel Discográficas, no que os asistentes estudarán diferentes medidas para o fomento da industria fonográfica.
Pop-rock e folk
Mañá inaugurarase, así mesmo, a programación musical de CREATIVA con senllos concertos de pop-rock e folk a cargo de The Blows e dos músicos Roi Casal e Anxo Lorenzo, respectivamente. Os vigueses The Blows tocarán ás 22.30 horas en La Iguana Club, onde presentarán o seu novo 7 pulgadas (Berlin/Catwalk) como adelanto do que será o seu próximo álbum. Pola súa banda, o Auditorio do Centro Cultural Caixanova será o escenario, tamén a partir das 22.30 h, das actuacións do polifacético músico Roi Casal e do gaiteiro Anxo Lorenzo, achegándose en ambos casos á música tradicional dende a modernidade e a fusión de estilos.
A carteleira musical complétase esta mesma semana con outros cinco concertos de moi diferentes estilos. Así, o grupo de Baiona Niño y Pistola compartirá cartel con Old Jerusalem, un dos cantautores máis destacados do actual panorama musical portugués, o xoves 17, a partir das 22.30 horas, na Sala Mondo Club.
O venres 18, CREATIVA ofrecerá o primeiro concerto en España de Amália Hoje, grupo portugués que se presenta ás 21.00 horas no Cine Salesianos precedido dun gran éxito de ventas no país veciño coa súa revisión actual dos fados de Amália Rodrigues. Ese mesmo día e tamén ás 21.00 horas, o guitarrista Kiko Aguado estará acompañado pola cantante granadina Celia Mur no recital que ofrecerá na Sala Contrabajo, mentres que en La Fábrica de Chocolate actuarán a partir das 22.30 horas o grupo portugués Aquaparque e a dj afincada en Vigo Bflecha.
Performance sonora
Esta programación especial pecharase o sábado 19, ás 20.00 horas, no MARCO co espectáculo Creativa Arte Sonora, no que participan Carlos Suárez Sánchez, compositor e etnomusicólogo galego; Xe, músico e artista performance, e os portugueses de Colectivo Soopa. Estes últimos presentan a acción "Evocação da Resonância", unha performance sonora na que se recrea un ataque sónico mediante o emprego de samples provenientes de arquivos de sereas antiaéreas da II Guerra Mundial. As entradas para todos os concertos poden adquirirse, a diferentes prezos, nas billeteiras dos respectivos espazos.
Financiado a través dos fondos FEDER da Unión Europea, o Foro CREATIVA da Industria Cultural celébrase en Vigo dende o pasado día 9 e ata o sábado 19 co obxectivo de afondar no intercambio e na cooperación cultural entre Galicia e o Norte de Portugal. O programa xeral articúlase en torno a catro foros sectoriais (artes escénicas, música, audiovisual e produto gráfico), cun total de 16 mesas de debate, relatorios e reunións profesionais, ademais de ofrecer un cartel artístico con 13 espectáculos escénicos e musicais protagonizados por artistas galegos e portugueses.
Ademais dos sete concertos relacionados anteriormente, nos próximos días celebraranse tamén tres función escénicas: Vicent, Van e Gogh, de Peripécia Teatro (día 16); Uma peça encomendada, do Núcleo de Experimentação Coreográfica (día 17); e Rosalía, a pulga que escribía de Galitoon (día 18). Todas as representacións, de entrada libre ata completar o aforo, comezarán ás 20.00 h na sede do IES Audioviusal/ESAD de Galicia.