Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CERTAME TEN UNHA DOTACIÓN TOTAL DE 6.000 EUROS PARA AS CATEGORÍAS DO XURADO E DO PÚBLICO

A AGADIC patrocina a cuarta edición do Premio "Diario Cultural" de Teatro Radiofónico

[05/12/2009] O Premio "Diario Cultural" de Teatro Radiofónico, que promoven a Radio Galega e o Centro Dramático Galego (CDG), publicou a convocatoria da súa cuarta edición, para a que xa está aberto o prazo de presentación de orixinais. A iniciativa, que conta co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Consellería de Cultura e Turismo, ten por finalidade o fomento da escrita de textos dramáticos para a radio.

O Premio, único das súas características en Galicia e pioneiro no Estado, mantén así unha traxectoria de catro anos consecutivos e consolídase no seu afán de divulgar a escrita teatral galega, promover o encontro entre a audiencia e o teatro e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico desde unha perspectiva contemporánea.

A actual cuarta edición do Premio, que leva o mesmo título que o programa da Radio Galega decano da información cultural en Galicia, desenvolverase ao longo de toda a temporada. O prazo de recepción de orixinais remata o próximo 31 de decembro e, a continuación, constituirase un xurado para a súa avaliación. O ditame está previsto para marzo, en coincidencia co Día Mundial do Teatro que se conmemora o 27 dese mes.

O xurado, integrado por profesionais do mundo da escena e da radio, seleccionará -de entre o total de presentadas- as obras finalistas, que serán dramatizadas para a súa emisión por un equipo de actores e actrices coordinados polo CDG. As dramatizacións emitiranse ao longo do mes de marzo nos distintos programas da radio pública galega. Das emitidas, o xurado escollerá a obra premiada finalmente; e a audiencia votará o texto que recibirá o premio do público.

Cada unha das dúas categorías do Premio está dotada economicamente con 3.000 euros e as catro obras finalistas serán publicadas nun libro-cd. Tamén está prevista un acto de entrega público, no que os actores e actrices interpretarán en directo as dramatizacións ao tempo que se emitirán pola radio.

Orixinais en guión radiofónico

Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, escritos en lengua; non poderán ser adaptacións. Adoptarán o formato de guión radiofónico dramático, estarán calculados para que a súa duración en antena sexa de entre dez e doce minutos e terán cinco personaxes como máximo.

A temática dos argumentos é libre e os autores poderán utilizar cantos recursos radiofónicos consideren necesarios para que o texto sexa realizado de maneira axeitada: música, planos sonoros, efectos, etc. O director das dramatizacións radiofónicas poderá facer as adaptacións necesarias para a súa realización e emisión.

Anteriores gañadores

David Rodríguez foi o gañador da primeira edición con O Bambam . A obra, interpretada por Luís Tosar e Luís Zahera con dirección de Lino Braxe, recibiu tamén o premio do público. Na segunda edición distinguíronse os títulos O mal da vaca , de Begoña García, premio do xurado e Saltimbanqui de Lois Pérez, premio da audiencia. Na terceira edición, os escritores Rubén Ruibal e César Candelas recolleron tanto o galardóns do público coma o do xurado polo texto Peter Buckley .

Documentación