Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

CONTINÚA ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA ESTE ENCONTRO, DIRIXIDO TANTO A MÚSICOS PROFESIONAIS COMO A ESTUDANTES DE CONSERVATORIOS E ESCOLAS DE MÚSICA

Carlos Castro imparte un curso de percusión dentro do ciclo de "master class" de música tradicional

[02/12/2009] O percusionista galego Carlos Castro, xefe do departamento de Percusión do Conservatorio Superior de Música de Vigo e batería do grupo Fía na Roca, impartirá a partir do vindeiro venres día 4 o curso "A percusión non tradicional na música folk galega" como parte do ciclo de master class de música tradicional que organiza a AGADIC na sede da Escola de Altos Estudos Musicais en Santiago. O obxectivo do encontro -que se estenderá aos días 11 e 18 de decembro- é proporcionar unha nova visión sobre a utilización dos instrumentos de percusión non tradicionais que sirva para orientar e completar o papel do percusionista dentro da música folk.

Carlos Castro

Neste sentido, e tras facer un percorrido teórico polas influencias da percusión non tradicional na historia recente da música galega, a clase centrarase nas técnicas, combinacións e función na música dos instrumentos comúns da música tradicional e non tradicional, así como da percusión melódica. A última parte do curso dedicarase ao traballo e montaxe de exemplos prácticos, tanto de gravacións como dos propios alumnos. As tres sesións programadas celebraranse en horario de tarde (de 17.00 a 21.00 horas).

Matrícula on line

Os interesados en asistir a estas clases, dirixidas tanto a músicos profesionais coma a estudantes de conservatorios ou escolas de música, aínda están a tempo de realizar a súa inscrición on line a través da web www.masterclassdemusicatradicional.info. O alumnado terá que achegar o seu propio instrumento e aboar previamente 100 euros en concepto de custo de matrícula.

O recoñecido violinista escocés Duncan Chisholm foi o encargado de inaugurar o pasado mes de novembro este programa de apoio á formación en música tradicional, dentro do que se celebrará un terceiro encontro a cargo da saxofonista e percusionista galega Chefa Alonso. Baixo o título "Improvisación libre. A composición en movemento", esta última master class desenvolverase en tres sesións do 16 ao 18 de decembro co obxectivo de introducir os alumnos na improvisación libre dunha forma gradual e imaxinativa, a partir de aspectos tan xerais como a escoita, a concentración, a interacción, o silencio, o risco ou a memoria musical.

Traxectoria profesional

Percusionista vinculado á docencia desde o ano 1987, Carlos Castro compaxina a súa actividade como xefe do departamento de percusión do Conservatorio Superior de Música de Vigo e integrante do grupo folk Fía na Roca, cos seus traballos con Xosé Manuel Budiño, os grupos Martín Códax, Resonet e Meendinho (Paulina Ceremuzynska) de música antiga, a orquestra OMEGA de improvisación, o Techné Ensemble e Catroventos (do movemento FUC).

Entre as case 50 gravacións nas que participou, están a maioría dos grupos actuais de música galega. Ten colaborado con numerosas agrupacións, desde orquestras sinfónicas até bandas e grupos de rock, folk ou jazz como DOA, Fuxan Os Ventos, Filloa Express, Baldo Martínez Grand Ensemble, a Orquestra de RTVE e Siniestro Total, entre outros.

Tamén participou como compositor e intérprete en música para publicidade, teatro, cine e TV. Deixou a súa pegada na banda sonora da película O camiño das estrelas de Chano Piñeiro, así como en diversas producións do Centro Dramático Galego.

Publicou xunto coa pianista Sol Bordas O Centro Integrado de Música, editado polo Relatorio de Música do Consello da Cultura Galega. É autor, así mesmo, do libriño de arranxos de música popular Catro cancións para instrumentos de láminas publicado pola Fundación Mayeusis, e dunha metodoloxía para principiantes na percusión -Esto é percusión!- da editorial Dos Acordes.

Ligazóns