AGADIC

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e TurismoAGADIC

Noticias

O RECITAL, NO QUE ACTUARÁN COMO SOLISTAS VERÓNICA CRUZ (ÓBOE) E SERGIO APARICIO (VIOLÍN), REPETIRASE O MÉRCORES EN VIGO A BENEFICIO DA ASOCIACIÓN "VIDA DIGNA"

Jordi Mora dirixe mañá en Santiago un concerto da orquestra da Escola de Altos Estudos Musicais

[30/11/2009] O mestre catalán Jordi Mora dirixirá mañá martes 1 de decembro un concerto da Orquestra da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) no que os alumnos deste centro interpretarán obras de Beethoven, Bach e Haydn. O recital, que terá lugar ás 20.30 horas no auditorio da EAEM, repetirase co mesmo programa o mércores día 2 ás 20.00 horas no Centro Cultural Caixanova de Vigo, a beneficio da asociación humanitaria de axuda ao necesitado "Vida Digna".

En ambos concertos actuarán como solistas Verónica Cruz (óboe) e Sergio Aparicio (violín). A Obertura de Egmont op.84, de L. van Beethoven abrirá a primeira parte dos mesmos, á que seguirá o Concerto en do menor para óboe, violín, cordas e baixo continuo BWV 1069 de J. S. Bach. Xa na segunda parte, soará a Sinfonía nº 104 en Re maior, Londres, de F. J. Haydn, coa que este centro docente da Consellería de Cultura e Turismo se suma á conmemoración do bicentenario da morte do compositor.

Cuarta colaboración con Mora

Esta é a cuarta ocasión na que o mestre Mora colabora coa EAEM, xa que nos últimos cursos xa dirixira tres encontros orquestrais con seus cadanseus concertos públicos.

Jordi Mora Griso formouse en Barcelona, Alemaña (no Hochschule für Musik de Würzburg) como oboísta e foi bolseiro polo Estado de Baviera, onde se licenciou en Musicoloxía e Filosofía na Universidade de Múnic cunha tese sobre a instrumentación na obra sinfónica de Beethoven. Estudou Dirección Orquestral e Fenomenoloxía da Música co célebre Sergiu Celibidache, e ten participado en numerosas clases maxistrais e cursos de dirección na Universidade de Mainz, en Múnic coa Münchner Philharmoniker, Trier, Londres, Stuttgart e París. Foi director titular da Münchner Camerata, da Orquestra Sinfónica do Vallés e da Orquestra Nacional de Grecia. Como director convidado dirixiu en Alemaña, España, Francia, Italia, Rusia, Romanía, Grecia, EE.UU. e Sudamérica. Actualmente é director titular de l’Orquestra Simfònica Segle XXI (Cataluña) e da Bruckner Akademie Orchester (Múnic).

Documentación