Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

TRECE ACTORES, BAILARÍNS E CANTANTES PORÁN EN ESCENA DÚAS FUNCIÓNS DESTE ESPECTÁCULO CARGADO DE FURIA, IRA E IMPOTENCIA O SÁBADO 28, ÁS 20.30 HORAS E O DOMINGO 29, ÁS 18.00

A compañía de danza Marta Carrasco amosa no Salón Teatro a peza "Dies Irae. En el Réquiem de Mozart"

[26/11/2009] O Salón Teatro de Santiago acolle esta fin de semana Dies Irae. En el Réquiem de Mozart, o último espectáculo da Compañía Marta Carrasco, onde a célebre peza do compositor austríaco se converte nunha misa de defuntos irreverente e grotesca. Trala súa estrea no Festival Temporada Alta de SALT en Xirona a finais do pasado mes de outubro, e despois de permanecer durante catro días no madrileño Teatro de La Abadía cunha excelente acollida de público, a montaxe recala no espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego para ofrecer dúas funcións o sábado 28, ás 20.30 h e o domingo 29, ás 18.00 h.

Dies Irae

Creada e dirixida pola bailarina e coreógrafa Marta Carrasco, a peza está interpretada por un total de trece actores, bailaríns e cantantes (Carmen Angulo, Frantxa Arraiza, Anna Coll, Mª José Cordonet, Robert González, Manuella Marra, Noemí Padró, Asu Rivero, Montse Rodríguez, Raquel Sánchez, Adolfo Simón, Joan Valldeperas e Alberto Velasco) -seis deles residentes en Madrid e sete, en Barcelona-, que escenifican a "debilidade da verdade" nun intento de crear sinerxías entre as dúas cidades. A creadora catalá busca nesta pluralidade artística novas formas conceptuais do traballo escénico, explotando a máxima riqueza do seu estilo teatral.

Marta Carrasco (Premio Nacional de Danza da Generalitat de Catalunya, 2005) é unha das figuras máis orixinais e creativas do panorama de danza actual. As súas obras, sempre persoais, sitúanse no límite entre o teatro, a danza e a música, ademais de obter o aplauso de crítica e público pola súa combinación de humor, expresionismo, contido dramático, innovación e onirismo.

Máis alá dunha misa de defuntos

En Dies Irae. En el Réquiem de Mozart, a inmortalidade da música desafía calquera mirada escéptica ante o mundo e convida a dicir, facer e oír o desgarro da vida. A obra, cargada de furia, de rabia, de impotencia e de ira, alude ao Xuízo Final (ao Día da Ira, traducindo o título), erixíndose como unha crítica potente da artista á Igrexa e ás súas inxustizas, especialmente no referido ao trato despectivo cara á muller.

Danza, música, teatro e liturxia xúntanse neste espectáculo que vai máis alá dunha misa de defuntos. Aínda que a esencia da posta en escena é a peza que Mozart compuxo pensando que creaba a música do seu propio funeral, a produción intercala outras composicións sacras, tamén do xenio musical, así como de Haendel, Bruckner..., nunha montaxe sonora coordinada por José Antonio Gutiérrez.

Outros nomes importantes na materialización desta proposta escénica son Quico Guitiérrez, responsable da iluminación; Pau Fernández e Rui Alves no deseño do vestiario e maquillaxe; e Tays Sampablo como axudante de dirección. Marta Carrasco asina tamén o deseño da escenografía.

As entradas para asistir ás dúas representacións en Santiago de Dies Irae. En el Réquiem de Mozart poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da actuación. Tamén poden adquirirse por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros para a función do sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros o domingo, día do espectador.

Traxectoria profesional

Despois de bailar en varias compañías de danza, como Metros de Ramon Oller, en 1995 Marta Carrasco emprende unha nova traxectoria en solitario como creadora e intérprete co espectáculo de danza-teatro Aiguardent. A partir dese momento combinou a creación de coreografías propias -ademais de Aiguardent, Blanc d’ombra. Recordant Camille Claudel (1998), Mira’m (2000), Eterno? Això sí que no! (2003), e Ga-gà (2005)- coa dirección coreográfica doutros espectáculos como A la jungla de les ciutats, de B. Brecht (dirixido por Ricard Salvat, 1998); El Maniquí, de M. Rodoreda (Pere Planella, 1998); A little night music, de S. Sondheim e H. Wheeler, e Lulu, de F. Wedeking (Mario Gas, 2000 e 2001); Bodas de sangre, de F. García Lorca (F. Madico, 2001); Ronda de mort a Sinera, de S. Espriu (Ricard Salvat, 2002); Diàfan, de Pep Bou (2003), e a versión teatral do musical El otro lado de la cama (J. M. Mestres, 2004). No ano 2005 participa na última longametraxe de Carlos Saura (Iberia). Un ano despois estrea J’arrive e en 2008 presenta Bin&Go en La Planeta de Girona.

Entre outros premios, recibiu o da Crítica Teatral de Barcelona 1996-1997 por Aiguardent e Pesombra; o Butaca (Premio do público) en 1999 e 2001 por Blanc d'ombra e Mira'm, respectivamente, e catro Max das Artes Escénicas: "Mellor espectáculo de danza" e "Mellor coreografía" por Aiguardent en 2003 e por Ga-gà en 2006. No ano 2005, a Generalitat de Catalunya concedeulle o Premi Nacional de Dansa en recoñecemento á súa traxectoria e en 2007 foi nomeada á Mellor Interpretación Unipersoal nos Premios ACE da Crítica de Nova York.